ASOCIM reclama reforzar os servizos de atención ás vítimas de violencia de xénero especialmente no verán

Dous novos casos de violencia de xénero en dous días. Cos asasinatos de Calpe (Alicante) e Vilalba (Lugo) xa son 1009 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas desde 2003 e 34 no que levamos de 2019.

Durante a época estival obsérvase unha preocupante tendencia: o aumento dos crimes machistas. Nos meses de xuño, xullo e agosto de 2016, 2017 e 2018, un total de 40 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, segundo recollen as estatísticas da Delegación do Goberno para a Violencia Machista. Concretamente, o pasado ano durante este período contabilizáronse 19 crimes machistas e este verán, aínda con xullo por finalizar, xa son 11 os casos.

A que se debe este aumento? Segundo Miguel Lorente, exdelegado do Goberno para a Violencia de Xénero, varios factores inflúen no incremento de asasinatos machistas no verán, causas que facilmente poden darse noutras épocas do ano de similares características como o Nadal. Llorente destaca que o descenso do ritmo laboral ou o cese da actividade mesma pode levar a que vítima e agresor pasen máis tempo xuntas e, polo tanto, a que a violencia que se viña exercendo ata ese momento aumente, así como os conflitos vencellados á convivencia con outros membros da familia. No caso das exparellas, as rutinas vense suspendidas polas vacacións algo que o maltratador pode interpretar como perda de control sobre a vítima levándoo a reforzar máis a presión e o control.

Tendo en conta a confluencia de feminicidios durante estes meses, ASOCIM (Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia)  reclama o reforzo de todos aqueles servizos dirixidos a atención e protección das mulleres especialmente no verán, época na que varios dos factores presentes de forma perenne na problemática da violencia de xénero vense reforzados; o que supón un aumento da vulnerabilidade das vítimas (mulleres e menores).

Os Centros de Información á Muller

Actualmente hai máis de oitenta CIM distribuídos por toda a xeografía galega, son espazos de referencia nos que as mulleres atoparán asesoramento e acompañamento da man dun cadro de persoal especializado e multidisciplinar que abordará as súas necesidades desde a intervención social, a axuda psicolóxica e a orientación xudicial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo