Aumento de 2 casos covid nunha xornada con tan só 7 positivos pero sen apenas altas médicas

A provincia de Lugo amencía hoxe con 205 casos covid activos. Número baixo, pero do que non se consigue descender con facilidade. Se ben, na xornada anterior o SERGAS notificaba un total de 203 casos, esta suba, case insignificante, débese á gran ausencia de altas médicas. 

Nas últimas horas aos 7 positivos detectados só se lle poden restar 5 altas médicas, o que deixa, como dicíamos, a cifra de casos totais lixeiramente por riba da de onte. 

Con todo, os datos están nunha estabilidade contínua en torno ás 200 infeccións activas. 

Esta suba, en cambio, non se viu reflexada na presión asistencial. E é que na última xornada os pacientes covid continúan nas mesmas cifras que durante a fin de semana. Así, quedan un total de 19 persoas nas unidades convencionais; dos que once pacientes están no HULA, tres no da Mariña, catro no de Monforte e un no Polusa. Aos que se lles suman 6 pacientes na UCI do HULA.

Dende o inicio da pandemia, 210 persoas perderon a vida na nosa provincia por mor do virus mentres que 11467 xa poden dicir que superaron a enfermidade.

E todo isto na xornada na que o Consello Interterritorial de Saúde acordou suspender de manera temporal a administración da vacina creada por AstraZeneca, precisamente, a que estaban poñendo a milleiros de lucenses de entre 50 e 55 anos. Así o anunciou na tarde de onte o Goberno do EStado logo de detectarse varios casos de trombos en persoas ás que se lles administrara esta vacina. Malia que os expertos sanitarios aseguran que os riscos continúan a ser moi baixos comparados cos beneficios, moitas comunidades autónomas xa tiñan suspendida cautelarmente a inoculación desta vacina, ao igual que países europeos como Francia, Alemaña ou Italia entre outros moitos.

E na nosa provincia, o xerente da Área Sanitaria, Ramón Ares, asegurou esta mañá que das máis de 6500 persoas vacinadas coas doses de AstraZeneca en Lugo, non rexistraron efectos adversos graves polo momento. Ares pide tranquilidade e prudencia e lembra que en todo o mundo, con máis de 3 millóns de vacinas inoculadas tan só se detectaron 17 casos de posibles trombos, unha porcentaxe moito máis pequena que a que se rexistra entre poboación sana que chega a sufrir esta enfermidade, e que ten unha frecuencia só en España de entre 80 e 90 casos por cada 100 mil habitantes; o que correspondería a unhas 2400 tromboses en cada 3 millóns de persoas. 

Pola súa banda, o Executivo Galego vén de explicar que dirixirá os esforzos a continuar coa vacinación dos colectivos de maiores de 80 anos, coas vacinas de Pfizer e Moderna.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com