Azougue presenta o seu novo proxecto musical na Casa Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acollerá este sábado, 3 de xuño, ás 20.00 horas, dentro do seu Ciclo De corazón a corazón. Concertos na intimidade, o concerto de tres talentos da música como son Pedro Lamas, Xosé Lois Romero e Jacobo de Miguel e o seu novo proxecto musical Azougue. Os tres músicos, cunha longa traxectoria musical en distintas propostas e formacións musicais, presentarán o que vai ser o repertorio do primeiro disco de Azougue, un traballo en que a música tradicional se mestura co jazz e a música clásica.

O azougue confire ao vidro a facultade de reflectir a realidade que recibe, pois o espello non é senón un vidro azougado. Do mesmo xeito Pedro Lamas (saxo soprano e barítono, gaita, dulzaina melódica, percusións) e Jacobo de Miguel (piano), coa colaboración de Xosé Lois Romero (percusións tradicionais), reciben a realidade da música tradicional, mais a reflicten cun espello libre que non se cingue á literalidade do obxecto reflectido. O espello imaxinario co que traballan xera novas pezas en que a compoñente tradicional tan só é unha parte da súa nova realidade, un mundo musical en que a World Music conflúe coa música clásica e o jazz, un mundo en que a tradición ocupa sempre un lugar privilexiado

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com