Balseiro confirma que “existe unha proposta en firme” para comarcalizar o servizo de Bombeiros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lamentaba onte que a súa administración leve “meses” esperando unha resposta por parte do Concello de Lugo ante unha oferta para comarcalizar o seu parque de Bombeiros. Segundo asegurou o delegado a oferta “está plantexada” pero levan meses esperando unha resposta. Esta comarcalización permitiría mellorar a dotación de material e recursos humanos do centro e extender a cobertura de emerxencias a seis municipios da área metropolitana.

Como non podía ser doutra forma, Lara Méndez saíu hoxe ao paso destas declaracións de Balseiro, asegurando que é o Concello quen leva meses esperando pero “por unha comunicación oficial”, e alegando que noutros municipios a Xunta xa propiciou reunións a tres bandas entre Deputación, Administración autonómica e concello. Asemade, a rexedora da capital lucense asegurou ter craras dúas premisas de cara a aceptar esta comarcalización: que non se merme a seguridade da cidade e que non se incremente o custe do servizo.

De todos os xeitos, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, confirmou tras escoitar á rexedora que si existe “unha proposta en firme” para comarcalizar o parque de bombeiros de Lugo e indicou que agardan pola resposta “oficial” do Concello.

Esta iniciativa permitirá ampliar a operatividade deste servizo de emerxencias ademais da capital a outros seis concellos do entorno (Castro de Rei, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei e Rábade); isto é, chegar a unha poboación estimada de 120.000 persoas.

Balseiro tamén explicou que tanto a Xunta como a Deputación de Lugo estarían dispostas a asumir –cada un deles ao 50%- o incremento do custe derivado de ampliar este servizo e confirmou que xa se lle deu traslado desta proposta á alcaldesa a través de Darío Campos.

“O presidente da Deputación de Lugo é tamén o presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e por iso pensamos que é o interlocutor axeitado para facer chegar esta proposta. Pero se á alcaldesa non lle vale, e prefire que empreguemos outra vía distinta, non hai ningún problema. O importante é avanzar neste asunto”, engadiu.

O delegado dixo incluso que esta cuestión foi obxecto de análise na última xuntanza do grupo de traballo constituído no seo do Consorcio Provincial de bombeiros, na que o propio Darío Campos confirmou que xa tivo lugar ese contacto coa alcaldesa. Con todo, indicou que non ten inconveniente en empregar outra vía oficial ou incluso convidar á alcaldesa para que participe nesta reunión se ten interese en facelo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo