Balseiro participou na clausura do obradoiro de emprego Río Neira

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, defendeu hoxe que os obradoiros de emprego son “un instrumento válido para acceder en mellores condicións ao mercado de traballo”, xa que os alumnos que participan neles “recíclanse profesionalmente, aprenden e practican un oficio con demanda laboral”.

Balseiro Orol  realizou estas declaracións durante a clausura do obradoiro Río Neira, promovido polo concello de Láncara coa participación dos concellos de Baralla, As Nogais e Triacastela, que foi sufragado con 179.134 euros pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

No acto de clausura participaron os alcaldes das Nogais, Jesús Manuel Núñez; Baralla, Manuel Jesús González Capón, e Triacastela, Olga Iglesias, así como a tenente alcalde de Láncara, Begoña López Magdalena.

Durante os últimos seis meses, formáronse e traballaron neste obradoiro 20 persoas desempregadas, nas especialidades de operacións de formigón e operacións auxiliares  de acabados ríxidos e urbanización. Todos eles reciben un certificado de profesionalidade, un recoñecemento oficial que os habilita para exercer profesionalmente en todo o Estado.

O delegado,  destacou que os obradoiros de emprego “teñen tamén a cualidade de executar obras e servizos de interese social, en beneficio dos veciños e veciñas dos municipios que os acollen”.

Neste sentido, explicou que no último semestre desenvolvéronse 19 obradoiros de emprego nos que participaron 361 alumnos de 51 concellos lucenses. A Consellería de Economía destinou 3,2 millóns a financiar estas iniciativas. Dez destes proxectos rematan nos vindeiros   días mentres que os outros continúan ata o mes de marzo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com