Barreiro presenta en San Xoan do Alto un proxecto de promoción da muller no rural

O portavoz do GPP no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, visitou esta mañá unha explotación gandeira en San Xoan do Alto (Lugo) para dar a coñecer o Plan para a Promoción das Mulleres do Medio Rural (2015- 2018), aprobado polo Goberno de Rajoy.

José Manuel Barreiro destacou o que se trata do primeiro plan específico dirixido ás mulleres do medio rural, elaborado tendo en conta “o principio de igualdade e co obxectivo de visibilizar a situación das mulleres do rural, imprescindibles para o crecemento e o desenvolvemento sustentable de nosos pobos”.

Barreiro explicou que este plan “é especialmente importante en comunidades autónomas como Galicia, cun peso tan destacado do sector primario no seu tecido produtivo?. Enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2014-2016 e está dotado con un orzamento de 23,1 millóns de euros.

No transcurso da visita a esta explotación gandeira, dirixida por unha muller, o portavoz do GPP no Senado afirmou que “na actualidade as mulleres no medio rural representan o 48,02% da poboación e contan cunha maior preparación que os homes (o porcentaxe de tituladas con estudos superiores é maior, 11,9% fronte a 8,4% dos homes). Aínda así, afirmou o líder dos populares en Lugo, están infrarrepresentadas en organizacións políticas, sociais e sindicais, cunha importante brecha nas organizacións profesionais agrarias e nos consellos reitores de cooperativas agrarias”.

“Co obxectivo de fomentar o liderado feminino, o Goberno de Rajoy apoiará, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, a formación de mulleres en habilidades directivas e coordinación de equipos. Así mesmo, prevese un programa específico para a incorporación á actividade económica no ámbito agrícola forestal e pesqueiro a mulleres novas con formación universitaria, e outros para mozos en risco de exclusión e para a integración social de mulleres migrantes en áreas rurais”.

O presidente do PP de Lugo aclarou que ademais se inclúen incentivos en materia fiscal para as titulares de explotacións agrarias e a Lei de Titularidade Compartida “co obxectivo de superar a brecha de xénero en emprego e emprendimento”.

José Manuel Barreiro destacou tamén que “o plan inclúe o deseño dunha campaña para facilitar e promover a conciliación familiar a través dos centros educativos; o desenvolvemento de actividades de formación por parte de persoal especializado en violencia de xénero e a mellora da accesibilidade ao servizo telefónico de atención e protección ás vítimas (ATENPRO) para as mulleres no medio rural”.

O Plan para a Promoción das Mulleres do Medio Rural complementase coas medidas de apoio ao rural galego da Xunta. Os próximos orzamentos autonómicos para 2016 concretarán un programa de impostos cero no medio rural, que supoñerá rebaixas en todos aqueles tributos que son competencia da Administración Autonómica.

Así, as transmisións de leiras e chan rústico non tributarán por transmisións patrimoniais. Igualmente, as transmisións e ampliacións de explotacións agrarias tampouco tributarán por este imposto. E as agrupacións de leiras rústicas non tributarán polo Imposto de actos xurídicos documentados.

Ademais, continuarase co Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, que conta cun investimento de 1.185 millóns de euros e ” acometeranse diversas actuacións para apoiar ao sector lácteo, entre elas a inxección de 10 millóns de euros para facilitar préstamos aos donos de explotacións, o impulso á marca Galega 100% e a promoción de unha maior industrialización do sector”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo