Besteiro anuncia que a Deputación está disposta a financiar a Hemodinámica 24 horas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, e o Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo, Jesús Vázquez, anunciou este xoves que o grupo provincial socialista levará unha moción ao vindeiro Pleno na que a Deputación de Lugo ofrécelle á Presidencia da Xunta de Galicia, financiar a posta en marcha no Hula do servizo da Hemodinámica 24 horas.

Gómez Besteiro destacou que “poñerei en coñecemento de Feijóo o acordado no Pleno. Remataron as excusas de mal pagador, ao igual que remataron as excusas para colaborar co primeiro centro público de recría ou coa rede pública de residencias e centro de día nos Concellos lugueses. Seguen vixentes as reivindicacións da Deputación para dotar a Lugo de Radioterapia e Medicina Nuclear”.

Lara Méndez destacou que “a Conselleira de Sanidade xa non é un interlocutor válido. Esta proposta é para Feijóo, que debe decidir se posicionarse ao lado dos lucenses ou ben a carón da Conselleira reprobada”.

Jesús Vázquez cualificou a medida de Gómez Besteiro como “un acto de auténtica valentía e de xustiza. Asumimos a paternidade desta medida, posto que durante as Xuntanzas Participativos do Orzamento da Deputación, pedimos ao organismo provincial que fixese todo o posible para dotar a Lugo de servizos sanitarios básicos, sabendo que non é súa a competencia, xa que é da Xunta de Galicia. Fixémolo ante a negativa do Goberno galego e porque queremos que as institucións respondan”.

O Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo engadiu que “este mesmo mes cúmprense 4 anos do compromiso público de Feijóo de dotar ao Hula de servizos sanitarios básicos nun prazo de 3 meses. En pouco tempo virá á provincia a celebrar algún mitin, polo que lle pedimos que pida perdón aos lucenses por castigar a esta provincia durante tanto tempo. Hai un ano Lugo nin tan sequera tiña a Hemodinámica, hoxe con horario de oficina. Seguimos sendo a única provincia galega que non conta con Radioterapia e Medicina Nuclear, cando os propios profesionais aseguran que o Hula cumpre con todos os requisitos para ter estas prestacións. Non telas é un capricho e castigo institucional. Feijóo debe pedir perdón”.

Jesús Vázquez apuntou que “non pararemos ata ter todos estes servizos en Lugo”, polo que avanzou a posta en marcha de novas campañas de sensibilización cidadá nas que se repartirán 10.000 banderolas e camisetas vermellas. “Feijóo debe pedir perdóns aos lucenses”.

A mortalidade por infarto agudo de miocardio en Lugo duplica a media estatal. “Non son datos da Deputación, son os datos máis recentes do INE, correspondentes ao ano 2013”, destacou Besteiro. O propio INE afirma que en Lugo hai 76 mortes por cada 100.000 habitantes mentres que a media estatal é de 35 mortes. “Se analizamos os datos por provincia, é evidente que existe unha clara diferenza entre contar co servizo de hemodinámica 24 horas ou non telo nestas condicións.

Por exemplo, en Pontevedra, onde o servizo é ininterrompido, prodúcense 33 mortes por cada mil habitantes, lonxe das 76 mortes en Lugo”, subliñou Besteiro.

“A Xunta oculta os datos oficiais do SERGAS. A Consellería de Sanidade vetoullos ata en dúas ocasións ao Valedor do Pobo, que acaba de denuncialo no seu último informe publicado a semana pasada”, engadiu o titular provincial.

O xefe de Cardioloxía do Hula, Carlos González Juanatey, asegurou que unha sala de Hemodinámica 24 horas no HULA tería un impacto indubidable na redución do índice de mortalidade dos infartados en Lugo, posto que o 60% dos casos son atendidos na Coruña e só 1 de cada 3 reciben atención en menos de 120 minutos.

Juanatey asegurou que o único custe que suporía contar coa Hemodinámica as 24 horas só sería o de contar cun hemodinamista máis e unha enfermeira, o que suporían 100.000 euros ao ano. E máis, coa Hemodinámica 24 horas en Lugo poderíanse evitar uns 100 traslados anuais, co que se aforraría a mesma cantidade, os 100.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com