O BNG-AA pide a reposición da placa a García Lorca 85 anos despois da súa visita

Cando se cumpren 85 anos dunha das visitas de Federico García Lorca a Lugo, a edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, pediu a reposición da placa que conmemorativa que fora instalada na praza de Pío XII en Lugo en outubro do ano 2006. Foi o 28 de outubro de 1916, cando Federico García Lorca tiña 18 anos, chegou por primeira vez a Lugo xunto con outros catro compañeiros da Universidade de Granada e emprendeu unha “excursión de arte” por diversas vilas e cidades.

Novamente, en novembro de 1932 García Lorca visitou Lugo para impartir unha conferencia no Comité de Cooperación Intelectual. “Entendemos que sería unha boa maneira de celebrar as visitas de García Lorca a Lugo, restituíndo a placa de homenaxe que lembraba as visitas á cidade de Lugo” dixo Maite Ferreiro.

A colocación, en Lugo, da placa conmemorativa fora iniciativa do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e o Concello de Lugo, que aproveitaron a conmemoración dos 90 anos da primeira visita realizada polo poeta granadino á cidade de Lugo para celebrar unha serie de actos e instalar a placa na praza de Pío XII. Maite Ferreiro lembrou que foi o escritor Paco Martín quen fixo de condutor do acto no que quedou ó descuberto a obra do escultor Urza.

En relación á primeira das visitas a Lugo e, segundo os diarios da época, Federico García Lorca chegou a Santiago de Compostela o 25 de outubro de 1916. Ademais da primeira visita de Federico García Lorca á cidade de Lugo e a Galicia no 1916, o poeta granadino visitou, de novo a cidade de Lugo, en novembro de 1932. Tras o comenzo da guerra civil, na madrugada do 18 de agosto de 1936, Federico García Lorca foi fusilado polos golpistas, con 38 anos de idade, xunto a un olivo na estrada que une as localidades de Víznar e Alfacar en Granada.

Accións concretas para a Tinería

Noutro senso, o voceiro desta agrupación municipal, Rubén Arroxo, participou hoxe na Mesa sobre a Tinería convocada para abordar as diferentes problemáticas que afectan ao barrio. A respecto da proposta do Delegado da Xunta en Lugo de poñer á venta os inmobles que neste momento son propiedade do ente autonómico, Rubén Arroxo lembrou o posicionamento do BNG e dixo “entendemos que hai que conservar o patrimonio público na Tinería por que esto dará a posibilidade de xestionalo de xeito que contribúa a revitalizar o barrio”. 

Segundo afirmou Arroxo despois da celebración da mesa de traballo convocada por colectivos veciñais e empresariais do barrio, “estamos ante a posibilidade de abrir un proceso que pode servir para crear un proxecto de barrio de consenso e útil para o futuro de Lugo”. Arroxo sinalou a importancia de “que a Xunta destine fondos para investir no Pazo de Dona Urraca e nos restos arqueolóxicos dos fornos” e engadiu “a Xunta continúa despois de 9 anos do goberno Feijoo sen aportar nada”. Arroxo reclamou orzamentos e accións concretas en vez de divagar e teorizar sen resolver ningún dos problemas reais do barrio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com