Bolsas para pilotos de rally convocadas pola Vicepresidencia da Deputación

Este luns abre o prazo de solicitude das bolsas para pilotos de rally que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que estará aberto ata o 26 de abril.

As achegas están dirixidas a deportistas federados nalgunha das federacións oficiais de automobilismo, de calquera categoría, nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña e vehículos históricos, e con residencia na provincia.

As bolsas oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, dacordo cos resultados acadados polas persoas solicitantes nas probas disputadas nos campionatos galegos, estatais e internacionais, do posto acadado na clasificación xeral do Campionato Galego e da participación nas probas do Campionato Galego que se disputan na provincia de Lugo – Rally da Mariña, Rally San Froilán, Subida a Chantada e Subida á Pontenova, tal e como se recolle nas bases dispoñibles, xunto aos formularios de solicitude, na páxina web da Deputación de Lugo.

O vicepresidente da Deputación e responsable de Deportes Efrén Castro sinalou que esta liña de axudas pretende “apoiar unha modalidade deportiva moi esixente economicamente, sobre todo para as persoas que se inician nela e que teñen máis dificultades para optar a patrocinadores privados”.

Esta liña de axudas inscríbise nas accións que se desenvolven desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para a promoción do automobilismo, entre elas, o apoio económico ás probas do circuíto galego que se celebran na provincia e o Volante Deputación, un evento que se celebra cada ano no circuíto da Pastoriza e que promove a formación e dá oportunidades de incorporarse á competición a novos talentos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com