Caballero apela “á forza da ilusión e do compromiso” para frear o pacto de PP e VOX

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou hoxe en Lugo un mitin de precampaña xunto co ministro de Fomento e secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos; o presidente da Deputación, José Tomé, e a alcaldesa, Lara Méndez.

Ante máis de medio millar de persoas, o líder dos socialistas galegos apelou “á forza da ilusión e do compromiso” para encher as urnas o 10 de novembro. “Non caiamos no discurso da dereita de que estamos cansos de votar. Se todos os días imos mercar o pan ou o xornal, temos que ir votar para impulsar unha maioría socialista”, recalcou.

Sobre todo, como sinalou Gonzalo Caballero, porque “as dereitas e a ultradereita, se suman, buscarán mecanismos para acadar o goberno”, co “risco de involución” que iso supón. “Se teñen os votos, pactarán”, incidiu, para evocar o que xa fixeron en Madrid, Andalucía ou Murcia.

E, ao fío disto, o máximo dirixente do PSdeG advertiu de que “o PP non cambiou” dende o pasado mes de abril, por moito que agora tente aparecer situado na “centralidade política”. “O único cambio que houbo no PP foi que Pablo Casado deixou barba”, ironizou.

Polo demais, evidenciou Gonzalo Caballero, o PP “pactará coa ultradereita machista e xenófoba, que rexeita o aborto e a lei de morte digna” alí onde lle dean as contas para facelo. “E un goberno do PP con Vox sería unha peste política para España e para Galicia”, alertou.

Pola súa banda, o ministro fixo alusión á situación que se vive en Cataluña para anunciar “una respuesta constitucional y proporcional” por parte dun goberno que está actuando “con serenidad”. Todo iso, tras poñer en valor “la entrega y el sacrificio” das forzas e corpos de seguridade do Estado.

En relación con isto, Ábalos pediu ao resto de forzas políticas que estean do lado do goberno “con lealtad”, ao igual que fixo o PSOE cando estaba na oposición. En paralelo, coa vista posta no 10 de novembro, chamou a ter en conta a importancia dos servizos públicos e a garantía de que mozos e empresas “puedan trazar un proyecto de futuro”. Neste escenario, “si queremos un gobierno de izquierdas”, engadiu, “solo hay una posibilidad”.

“Es lo que nos jugamos el 10 de noviembre”, destacou o secretario de Organización do PSOE, crítico con que o PP preferise “bloquear” a investidura de Pedro Sánchez buscando un liderado da oposición que non tiña cos 66 deputados que acadou nas urnas o pasado mes de abril.

Finalmente, puxo en valor a inversión do goberno de Pedro Sánchez en Galicia e, especificamente, en Lugo, por valor de case 60 millóns de euros. “Muchísimo más que con el PP”, recalcou, ao tempo que anunciou que Lugo estará conectado coa alta velocidade ferroviaria en 2021.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo