Nesta Galicia nosa, a celebración dos primeiros cabodanos –especialmente no rural- é case tan importantes como as ceremonias do pasamento, e nova ocasión de xuntanza familiar e amistosa para revalidar expresións de condolencia.
Os seguintes cabodanos, se se celebran, son xa ceremonias exclusivamente familiares que van languidecendo co paso do tempo.
Non así cando o falecido foi alguén relevante nas artes, nas letras, na sociedade… na política, menos, que ás veces mais que por motivos de amizade prima a utilización partidaria.
Cada oito de setembro, no cemiterio de Oueiro de Rei, celebramos o cabodano de Manuel María galegos da escrita e da cultura que fomos os seus amigos. Nunca houbo o máis mínimo problema pola celebración no cemiterio da capital do concello, e cada ano pacíficamente invadimos aquel lugar, recitamos poemas, levamos rosas, e cantamos o himno galego.
O msmo quixeron facer o pasado trece de Xaneiro, en Santiago, no cemiterio de Boisaca os amigos de Isaac Díaz Pardo, polos sete anos do seu pasamento. Pero mentras en Outeiro reina a paz e o silencio, en Boisaca hai empresa concesionaria que cando veu tanta xente xunta chamou á policía local para que controlase o que acontecía xa que non había permiso para a anual celebración.
A policía local de Santiago comprobou que un dos asistentes a aquel acto non autorizado que non precisa autorización era o profesor Xesús Alonso Montero, que ata hai uns meses foi Presidente da Real Academia Galega, e seguro puido lembrar o tempo en que sendo unha institución educativa en Lugo, tiña asidua visita da policía nacional á súa porta. Outro dos identificados foi o responsable de Política Lingüística da Xunta, Valentin García Gómez que, polo seu cargo, adoita participar nos actos de honra de galegos esgrevios, vivos e mortos.
E había académicos, escritores, profesores… e académicas, escritoras, profesoras… Todos controlados pola policía local de Santiago.
Parecen feitos de hai medio século… Pois foi nos pimeiros días deste ano. En Boisaca, para honrar a Díaz Pardo. Os participantes, extrañaronse. Díaz Pardo, pola súa axitada vida, está afeito a todo.