" />

Caldiae Factoría Cultural aposta pola música colaborando coa creación da Orquestra de Cámara Luguesa

Caldiae  é a primeira factoría cultural da cidade de Lugo que promove o talento lugués e galego en todos os ámbitos, dende o cine ata o teatro ou as artes plásticas. Dentro desta aposta, Caldiae acolleu hoxe nas súas instalacións a presentación da Orquestra de Cámara Luguesa. Asemade, dentro da presentación, Orquestra e Factoría asinaron unha colaboración pola cal, os músicos realizarán diversos concertos ao longo do ano, ademáis dos ensaios.

Así, o primeiro concerto terá lugar o vindeiro día 16 de febreiro ás 19:00 horas nas instalacións de Caldiae Factoría Cultural (praza Viana do Castelo, 4). Nesta primeira actuación, igual que no resto, a Orquestra de Cámara Luguesa tocará pezas clásicas para “difundir a música dos grandes autores e, singularmente, dos lugueses”, explicou Xan Carballal, director desta nova Orquestra de Cámara Luguesa, composta por preto de 20 músicos que farán posible que, case todas as fins de semana do ano, Lugo teña música clásica.

No primeiro concerto, tocarán Rapsodia Galega (Xoán Montes), Divertimento en RE (W.A. Mozart), Suite a la Antigua (Andrés Gaos) e Danzas Rumanas (Bela Bartok).

No acto estiveron presentes Eloi Caldeiro, director de Caldiae Factoría Cultural; Xan Carballal, director da Orquestra; Carmen Varela, violinista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Lugo e Manuel Fernández Gayol, concertino e profesor do Conservatorio de Fingoi.

A Orquestra de Cámara Luguesa xorde da necesidade de crear unha oferta musical e didáctica na provincia de Lugo, ante a escaseza de orquestras nas que os estudantes de música podan pór en práctica os coñecementos adquiridos. Trátase dun proxecto cultural que irá máis aló de facer música, co que pretenden “que a xente se ‘enganche’ á música culta. Chegar a un maior número de público; público fiel”.

Unha fidelidade que será premiada en Caldiae Factoría Cultural onde tamén se creará un Club de apoio á Orquestra no que cada membro do club recibirá, unha vez ao trimestre, un disco gravado pola Orquestra.

Ademáis dos concertos, a Orquestra Luguesa, pensa xa en facer diversas actividades de promoción da música, con concertos didácticos en colexios e vilas da provincia, música de cámara ou concertos explicados acompañados de proxeccións de vídeo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo