Calquera goberno…

O Ibex, índice de cotización do máis forte da bolsa española, comezou a pechar con perdas ao saberse do acordo entre Psoe e Unidas Podemos para formar un “goberno de progreso”. As dúas forzas apresuráronse, corenta horas despois de pecharse as urnas, en facer público ter chegado a un acordo para saír do marasmo político que levamos sufrindo desde o pasado mes de abril.

Estes sete meses foron para a España política un sinvivir, porque a pesar de que é xeral a opinión de que os políticos son o primeiro problema deste país, é de xeral convicción tamén que a existencia dun goberno, o goberno que sexa, é un mal menor necesario para poder seguir camiñando con normalidade.

Nas anteriores negociacións entre o Psoe e Podemos, Pedro Sánchez declaraba que se tivese no seu goberno ministros de Podemos non lograría dormir tranquilo, pero como en política nada hai absoluto, permanente ou categórico, cabe supoñer que moito cambiou o panorama cando agora non fixo constar ningunha incomodidade, quizais porque aínda non lle veu o trasacordo.

O domingo, votamos por fidelidade democrática, por costumbre, con cansancio e desgana, pensando que o que nós globalmente decidamos vai ser negociado, mercantilizado, cociñado, de maneira que nin recoñezamos o noso voto nin os elixidos nos recoñezan como parte interesada no que fagan con el.

Este rápido acordo foi unha gran sorpresa pola rapidez, pola conxunción de dúas vontades tan distintas e tan distantes, pero o que en maio houbera desatado aplausos e improperios segundo a crenzas de cada opinante, nesta ocasión non provocou ningunha estridencia.

Estamos tan fartos de que os políticos non falen entre si, e que cando falan non se poñan de acordo, que saber que dous perdedores –as dúas forzas tiveron perdas importantes en votos e escanos- se puxeron de acordo en ir do brazo os próximos catro anos, provocou un xeral suspiro de alivio, porque alomenos imos ter a quen botarlle as culpas do que pase no país. Que sexan extraños compañeiros de viaxe, precisen axudas estridentes e teñan por diante misión tan difícil coma os traballos de Hércules, non importou. Xa teremos ocasión de cavílalo no futuro. Agora mesmo, só importa, que efectivamente –como Lázaro- un conxunto de políticos responda ao clamor de “Érguete, e camiña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com