Candia esixe explicacións ao presidente da CHMS polo baixo nivel de auga de Belesar

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, esíxelle ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e tamén secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, “que dea explicacións sobre o baixo nivel de auga encorada en Belesar que se atopa por debaixo do 30% da súa capacidade máxima”. Acusa ao dirixente do organismo de conca e número 2 de Gonzalo Caballero de “irresponsable” por permitir un nivel tan baixo das reservas de auga na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil: “é sorprendente que haxa menos agua encorada que na conca do Xúcar”.

“Os niveis son alarmantes para esta época do ano tendo en conta que o ano pasado non alcanzou eses niveis ata finais de outubro coa mesma cantidade de choiva caída que este ano”, advertiu hoxe durante unha visita ao encoro ao seu paso polo termo municipal de Chantada acompañada polo alcalde da localidade e senador, Manuel Varela; entre outros alcaldes e portavoces dos municipios afectados.

Candia trasladou a preocupación dos alcaldes e veciños -que son tamén veciños do responsable da CHMS- pola “drástica baixada das reservas de auga” desta presa de abastecemento e aproveitamento hidroeléctrico. Explicou que “hai que manter un nivel mínimo para protexer a flora e a fauna; manter a actividade turística e recreativa; a pesca; e para non comprometer a dispoñibilidade de auga para o abastecemento da zona e como recurso en caso de incendio”.

A mandataria lembrou que xa no mes de xuño varios alcaldes manifestaron a súa desconformidade co baleirado do encoro que dificulta o desenvolvemento das actividades dos clubs náuticos coma o de Taboada ou Portomarín.

Candia especificou que “só os encoros galegos que dependen do Goberno central se están a baleirar de xeito tan alarmante. Os xestionados pola Xunta, os da Demarcación Galicia-Costa, sitúanse en torno ao 65% de ocupación”. Polo tanto, a mandataria popular cre “ten que haber unha explicación” e agarda que “o número 2 de Gonzalo Caballero aclare as circunstancias nas que se produciu o baleirado da auga encorada e con que xustificación”.

A presidenta dos populares lucenses condena “a súa nefasta xestión como responsable de vixiar os encoros do Estado en Galicia” e cre que “está máis preocupado por atacar aos rivais internos do secretario xeral dos socialistas galegos
que polo seu deber de control medioambiental”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Set 01, 2021 - 01:22 PM

    Que exixe nin deixa de exixir. Sabe moi ben polo que é. Menos hipocresía e máis realidade!!!!

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com