Cando os comentarios machistas levan rúbrica feminina

O desafortunado e marcadamente machista comentario feito polo presidente da Deputación de Lugo hai uns días, nos que aludía a vestimenta da presidenta do PP abriu a caixa dos tronos, e non sen motivo, porque é, sinxelamente, inadmisible.

Non me vou pronunciar de novo sobre isto porque xa o fixen, e, ademais, teño que admitir que comezo a estar francamente cansa de que cada vez que un incidente, por chamarlle dalgún xeito, susceptible de ter repercusión mediatica, ocorre no eido político, o que implica, inevitablemente, beneficios para uns e prexuízos para os contrarios, se converta practicamente nun monográfico que se espreme ata que xa non da mais de si.

Supoño, ou, mellor dito, sei, que isto forma parte do xogo, pero, francamente, cada vez o aturo menos, porque non vexo que estas rifas contribúan para nada a mellorar as eivas que as ocasionan, e beneficiar, porén, a cidadanía, se non sinxelamente para lanzarse dardos envelenados uns aos outros, desprestixiarse mutuamente, e tentar cada quen acadar a mellor parte do pastel.

Non obstante, é imposible ignoralos por completo, porque están, mais que presentes, case omnipresentes, e esta ocasión non foi unha excepción, polo que, tanto escoitar falar, ler, e mesmo opinar, por suposto, porque, como xa dixen, tamén o fixen, xa que como muller que son no puiden evitar sentirme agraviada por un comentario de tal calibre, provocou que me viñeran de novo a mente algúns “incidentes” que eu mesma vivín, e que aínda vivo de cando en vez, que teñen moito que ver con este tema, e de facer algunha reflexión ao respecto.

Non é a primeira vez que me refiro as críticas mais ou menos solapadas que tiven que soportar cando iniciei o meu traballo en violencia de xénero con Si, hai saída, e mesmo antes, na breve etapa na que colaborei con outro colectivo, pola miña aparencia e o meu xeito de vestir.

Sen cortarse nin un so pelo, algunhas integrantes dese suposto “activismo feminista”, e digo suposto porque o auténtico, desde logo, e por fortuna, non se semella para nada a tal caricatura, puxeron en dúbida a miña capacidade para tal cometido pola, e cito textualmente, “pinta de pija” , que, segundo elas, teño.

Non era soamente que o comentaran, algo que mais dunha vez, no transcurso dalgún dos escasos actos nos que coincidimos, convocados por algunhas delas, eu mesma os escoitei, ademais de non ser allea as olladas que se entrecruzaban entre algunhas delas, se non que a todo isto se engadía, as veces, algunha resposta…..imos dicir irónica, porque tal vez despectiva soe demasiado mal, se ousaba facer algún comentario, fora sobre o que fora, que deixaba ben claro que a capacidade do meu cerebro estaba a ser algo mais que cuestionada…..

Igual era cousa das mechas, que a afectaba, pero daquela non caín!.

Debo confesar que algunha vez foron quen de facerme sentir francamente mal, ata que entendín que o problema o tiñan elas, non eu.

Non podo deixar de salientar, porque creo que é importante, que algunhas destas mulleres non me coñecían de nada, e nin sequera cruzaran nin unha soa palabra comigo na súa vida, pero xa ditaran sentenza, porque elas, certas “activistas feministas”, teñen as súas propias normas, as súas propias doutrinas, mesmo o seu propio e particular xeito de expresarse, e, por suposto!, o seu propio “dress code” (podería dicir código de vestimenta, pero, xa que son “pija”….!) que elas decidiron que son os correctos, os que proceden, os que mandan, e aquelas que non se axustan a eles son, automaticamente, ademais de rexeitadas no seu selecto círculo “feminista”, declaradas “imbéciles de solemnidade”……

Todo un himno ao feminismo!.

Curiosamente, nalgunha destas ocasións, de feito en case todas, había algunha integrante do eido político, a que xamais, e repito, xamais, escoitei nin a mais mínima censura ante un comportamento tal, e ollo!, non o digo porque precisara ou agardara ser defendida, nin moito menos, basicamente porque xa son maiorciña e sei defenderme soa se a ocasión o require e paga a pena, que esa é outra cuestión, se non por coherencia, porque non é de recibo que ningunha muller actúe deste xeito con outras mulleres, pero que agora se rachan as vestiduras ante o comentario do Sr. Tomé e o condenan publicamente, mulleres, por certo, que, a medida que a súa carreira política vai “in crescendo”, van modificando a súa aparencia e o seu “look” de xeito sutil pero gradual, así como o seu estilo de vestir, que xa recorda sospeitosamente ao que tanto criticaban en min, e isto o digo, que quede claro, tan so como anécdota porque, francamente, a min, como vistan ou deixen de vestir é algo que me trae absolutamente sen coidado.

Os que contan son os feitos, e, repito, a coherencia, que creo sinceramente que é algo que escasea.

O que tento reflectir é unha realidade que, malia que semelle non existir e, de feito, se actúe coma se así fora, está aí, moi presente:

A da que os comentarios, as actitudes, e certos comportamentos machistas e discriminatorios para as mulleres, non sempre parten dos homes, políticos ou non, se non, as veces, e mal que nos pese, doutras mulleres, e, o que é mesmo peor, o fan no nome do feminismo.

A miña experiencia non é a única, nin moito menos.

Moitas mulleres viviron e están a vivir o mesmo. Outra cousa é que se decidan a contalo.

En calquera caso, todas chegamos a idéntica conclusión:

Que o machismo non sempre é exercido polos homes, se non tamén en non poucas ocasións por moitas mulleres, e podo asegurar que, cando isto sucede, é do mais cruel e discriminatorio, sendo unha forma de exercelo, por suposto, certos comentarios, que, nos guste ou non admitilo, moitas veces, demasiadas, levan rúbrica feminina.

Marta Rodríguez Engroba

Asociación Si, hai saída

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com