Carballo promete crear un Lugo activo, dinámico, e participativo para favorecer a inclusión social

O candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo ten un proxecto para poñer #LugoEnMarcha, un proxecto dun Lugo centrado en dar servizo ás persoas. Por iso, Ramón Carballo e o seu equipo queren dar resposta ás necesidades dos lucenses, necesidades que nacen da diversidade da cidadanía, polo que é imprescindible ofrecer recursos e solucións en diferentes vías.

O alcaldable popular e membros da súa candidatura participaron na asemblea dos usuarios do centro de día de Cogami, en Lugo, e escoitaron as achegas que se puxeron sobre a mesa nesta xuntanza que se celebra cada semana para falar de propostas relacionadas con este colectivo. Unha xuntanza que aproveitou para explicar o seu programa en materia social. Medidas encamiñadas a poñer en marcha “un Lugo activo na dinamización, na integración, na participación e na inclusión” e para iso conta con diferentes programas e accións nas áreas de maiores, igualdade, mocidade ou integración social. “Traballaremos na atención a persoas ou colectivos en situación de risco ou vulnerabilidade social sen descanso”, afirmou.

Ramón Carballo quere contar cun plan municipal do maior que se potencie con programas de voluntariado, creando a figura do mentor sénior e “aproveitando o potencial dos nosos maiores con diferentes medidas para acadar un envellecemento activo que axude a previr situacións de dependencia e favorezan unha vida máis autónoma”.

O candidato popular considera que “é fundamental potenciar servizos de atención e protección aos maiores vixiando a calidade destes, especialmente aqueles prestados mediante contratos externalizados”. Nese senso propón incrementar prazas de axuda no fogar e favorecer a implantación dun servizo de teleasistencia avanzada con dispositivos de monitoraxe a domicilio que sirvan para apoiar a autoxestión das persoas dentro do seu fogar “previndo situacións de risco e favorecendo que permanezan na súa contorna”.

O alcaldable popular quere que en materia de igualdade Lugo “abandone a postura de palabras e xestos” e converta este eido nun eixo vertebrador das políticas e accións a desenvolver a nivel municipal. Para iso prevé implantar plans e programas actualizados e acordes ás necesidades dunha sociedade moderna cun novo plan de igualdade que conteña medidas de prevención e sensibilización social, incidindo de forma especial na zona rural, onde quere abrir o primeiro centro de día da zona rural, e traballando na educación e a corresponsabilidade en coordinación coas entidades sociais que traballan pola promoción da igualdade, a loita contra a violencia de xénero e a discriminación LGTBI.

No programa do candidato popular tamén ten unha importancia capital a mocidade. De feito, foron moitos os cidadáns que achegaron as súas propostas neste eido, propostas que se escoitaron e incorporaron ao programa. Desde o Partido Popular “queremos promover a participación activa dos mozos na sociedade, dándolle valor á iniciativa xuvenil e fomentando un uso responsable do lecer para consolidar hábitos e comportamentos sociais e saudables”. É preciso fomentar o asociacionismo xuvenil, reforzando lazos de colaboración e solidariedade e creando espazos seguros destinados á súa dinamización.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Julio Diego Leira Sanmartin
    Mai 16, 2019 - 08:39 PM

    No se cree ni el mismo, no tiene ni idea de los problemas de LUGO.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com