Carballo promete un roteiro “de ida e volta de 21 km” nas dúas beiras do Miño

O candidato do Partido Popular presentou, a veciños e deportistas, unha proposta para crear ao longo do Miño unha ruta de ida e volta “queremos acondicionar un novo carreiro de 10 quilómetros na beira da marxe dereita do Miño” explicou Ramón Carballo.

O tramo novo comezaría no campo da festa do barrio da Ponche e prolongaríase ata a altura da desembocadura do Río Chamoso, no límite co Concello do Corgo onde enlazaría co paseo que xa existe. Nesta localización xa hai unha pasarela que une o paseo do Miño coa illa de Burneiros pero sería necesario, para pechar o circuíto, construír outro paso novo para cruzar desde a illa de Burneiros ata a beira e posteriormente enlazar co carreiro que se acondicione desde barrio da Ponte. Desta forma habería un anel verde completo que ofertaría un circuíto duns 21 quilómetros tanto para a práctica deportiva como para o sendeirismo, ou o paseo da cidadanía.

Ramón Carballo explicou que o seu modelo de cidade dará continuidade, con esta actuación, á “herdanza que deixaron os gobernos do Partido Popular” xa que “foron os que fixeron o paseo do Intre e o paseo do Miño tal e como o coñecemos na actualidade”. O alcaldable lamentou que “nin a alcaldesa, nin os seus antecesores tiveron, nos últimos 20 anos, a iniciativa de completar o cinto verde da nosa cidade. Non crearon nin un só metro cadrado deste parque periurbano, nin lle deron ao río o protagonismo que merece como pulmón da cidade”.

Ademáis deste novo anel verde o candidato popular insiste na necesidade de pechar o cinto verde coa unión do Paseo do Miño e o Paseo do Intre. “Gañariamos 39.000 m2 de espazo de lecer, deporte e saúde” matizou. Carballo lamenta o deixamento da alcaldesa que a pesar de ter dous acordos de pleno, iniciativa do PP, para que se iniciasen as xestións oportunas cos propietarios das parcelas que se necesitan para unir o paseo do Miño e do Intre non fixeron nada nestes catro anos.

Con respecto ao financiamento o candidato popular explicou que se chega á alcaldía “fará as xestións que sexan necesarias para que a maior parte desta intervención sexa sufragada con cargo ao programa de Camiños Naturais que financia o goberno de España”. “Hai que conseguir que os fondos que hai, para facer o Camiño de San Rosendo que no caso de Lugo coincide co tramo do paseo do Miño, utilícense para acondicionar a marxe dereita do río para crear unha nova ruta para goce dos lucenses”.

Carballo puxo de exemplo outros concellos que se aproveitaron esta oportunidade de crear novas rutas “neste momento hai catro tramos feitos desta ruta que une Lugo e Ourense e que ten unha lonxitude duns 225 quilómetros”. Trátase do tramo entre San Martiño-Foz-Lorenzana- Mondoñedo (32,4 quilómetros); Porto Quintela-Celanova 28,3 Quilómetros e Celanova-Ourense (37,8 Quilómetros).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo