Carlos Portomeñe declarou hoxe como investigado por unha querela por inxurias e calumnias interposta por López Orozco

O voceiro do grupo municipal ACE-EU no Concello de Lugo, Carlos Portomeñe, acudiu esta mañá a declarar como investigado en virtude da querela por inxurias e calumnias interposta polo ex alcalde López Orozco pola súa denuncia pública das irregularidades na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A querela fora xa arquivada e sobreseída en agosto do ano pasado, pero a Audiencia Provincial decidiu hai unhas semanas que antes de que o xulgado número 2 puidese ditaminar o sobreseímento libre da mesma, a xuíza debera chamar a declarar ás partes.

O feito “máis chamativo”, para o grupo municipal é que as mesmas declaracións públicas que Orozco considera lesivas para a súa honra “son as feitas polo concelleiro cando declarou en calidade de testemuña” no marco da investigación penal aberta sobre a tramitación do PXOM e “o intento de pelotazo urbanístico en solo de especial protección forestal e agropecuaria nos terreos que rodean o Clube de Golf”, que o propio Carlos Portomeñe levou á Fiscalía en 2009 xunto á coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz.

Á chegada do concelleiro aos Xulgados agardábao unha concentración no seu apoio presidida cunha pancarta co lema “Contra a corrupción, en defensa da xustiza”, na que se atopaban representantes de distintas formacións políticas e colectivos sociais da cidade. Portomeñe estivo arroupado polo secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez; a deputada autonómica de En Marea e vicepresidenta segunda do Parlamento Galego, Eva Solla; e a senadora de En Marea, Vanessa Angustia.

O propio Rubén Pérez declarou ante os medios de comunicación “que o labor que está a facer ACE-EU no Concello de Lugo ten todo o respaldo da organización, as tácticas intimidatorias tanto de PSOE como PP ante as denuncias en temas de corrupción feitas dende todas as federacións de IU son un clásico, e precisamente porque a obstrucción da Xustiza é un mal endémico en todo o Estado estamos a traballar dende Unidos Podemos e En Marea en iniciativas parlamentarias para a mellor protección das testemuñas nas causas abertas por corrupción”. 

Pola súa parte, Portomeñe incidiu en que “denunciar a corrupción urbanística e pedir a dimisión cautelar de cargos públicos investigados por delitos relacionados coa corrupción é a miña obriga como concelleiro de ACE-EU e militante de Esquerda Unida, como así establece o código ético da nosa organización. Fun elexido precisamente para cumprir con estes principios de rexeneración democrática e anticorrupción e seguirei cumprindo con eles”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com