Carrefour Lugo terá que pagar 300€ diarios se continúa sen cumprir cunha sentenza por conciliación

O Tribunal do Social 2 de Lugo vén de advertirlle a Carrefour da imposición dunha multa diaria de 300 euros se continúa incumprindo a setenza que recoñeceu o dereito dun traballador a que se lle adapte a xornada laboral para poder coidar do seu fillo.

A resolución xudicial emitida en febreiro pasado determinou que o traballador debería prestar servizo de luns a sábado en horario de 06.00 a 13.00 horas, condenando a Carrefour a modificarlle a xornada nestes termos a fin de que puidera conciliar a vida laboral e familiar, estendendo ademais este dereito ata agosto de 2024.

Segundo denuncia a CIG, a pesar da sentenza, a empresa decidiu modificarlle o horario de forma discrecional e que o traballador prestara servizo en horarios distintos aos establecido, impedíndolle deste xeito poder recoller o seu fillo no colexio.

A sección sindical da CIG denuncia a práctica habitual de Centros Comerciais Carrefour Lugo de non acatar as sentenzas, que considera unha “auténtica burla por parte desta multinacional cara ao noso sistema xurídico”. Critican que este proceder de Carrefour non só atenta contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras “senón que ningunea as resolucións xudiciais”. Neste caso concreto, dende o mes de febreiro -que se ditou sentenza- até o mes de outubro, este traballador sufríu as consecuencias de non poder conciliar nos termos que precisaba para o coidado do seu fillo.

Por iso, a representación da CIG solicita máis contundencia por parte das letradas “para que este tipo de prácticas tan lesivas para as persoas traballadoras non queden impunes para estas multinacionais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com