A Casa-Museo Manuel María acolle o venres 17 de febreiro o espectáculo “Pedanca e oso” de Aldaolado

O auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acollerá o vindeiro venres 17 de febreiro ás 20.30 horas o espectáculo de Aldaolado titulado Pendanca e oso. Poesía, música e humor son os eixos sobre os que xira esta proposta, cuxa temática é o amor. Aldaolado é un proxecto formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado onde se entremesturan a poesía, o humor e a música a partes iguais nunha posta en escena cargada de orixinalidade e espontaneidade.

En palabras das creadoras e protagonistas desta proposta, o espectáculo que o vindeiro día 17 se poderá ver en Outeiro de Rei é “unha narración das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, da que xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras.” Os poemas que Aldaolado recitarán neste espectáculo “xorden precisamente dese caldo de cultivo, póndolle moita música e moito humor ao amor máis romántico e ao amor máis miserábel”. Se houbese que definir brevemente o que é Pendanca e oso sería así: “dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.

O prezo da entrada para este espectáculo é de 5 €. Os billetes pódense reservar desde xa mesmo a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621, sendo esta a opción que a Casa-Museo recomenda, tendo en conta o aforo limitado do auditorio.

A Casa-Museo Manuel María, emprazada na que foi casa natal do poeta chairego, aposta por ofrecer ao longo de todo o ano unha programación cultural propia adaptada a distintos públicos e orientada a diferentes formatos artísticos e culturais. A Casa prepara xa unha nova proposta para comezos do vindeiro mes de marzo, dirixida especialmente neste caso a público infantil e familiar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com