A obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao centra esta semana parte da programación cultural da Rede Museística Provincial de Lugo coa incorporación de cinco debuxos procedentes do Museo de Pontevedra á Sala Castelao do Museo Provincial e a representación de Os vellos non deben de namorarse no Pazo de Tor.
A exposición, aberta desde este mércores e ata o 31 de decembro, reúne cinco ilustracións pertencentes á versión manuscrita definitiva da coñecida peza teatral: Lela e o carabinero entre as mulleres, A nai, o pai e Pimpinela, O mozo e o vello, A morte e Rostro de Pimpinela. A iniciativa marca o inicio dun programa de colaboración entre o Museo Provincial de Lugo e o Museo de Pontevedra destinado a establecer vínculos entre as coleccións de ambos centros e a reforzar a actividade da sala monográfica dedicada a Castelao.
A programación continuará o domingo 12 de xullo, ás 19.00 horas, no Pazo de Tor, onde a Asociación Cultural e Folclórica Os de Algures levará á escena Os vellos non deben de namorarse. A función enmárcase nas actividades organizadas con motivo do 20º aniversario da Rede Museística Provincial.
A montaxe destaca pola súa aposta por recrear a concepción orixinal da obra, reproducindo o vestiario inspirado nos debuxos e pinturas de Castelao e incorporando as indicacións do autor sobre a escenografía, os movementos escénicos, o uso das máscaras e a música tradicional. A proposta combina así teatro e patrimonio cultural nun espectáculo que busca manter a esencia da creación do autor rianxeiro.
A asistencia á representación será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.






