PP e BNG de acordo para a implantación dun sistema de rotación de vehículos gratuíto

O voceiro do GMPP, Jaime Castiñeira, anunciou esta mañá en rolda de prensa que intentará promover un acordo entre todos os grupos políticos da oposición para a implantación dun sistema de rotación de vehículos gratuíto.

Tal como explicou o popular, manterá unha reunión cos voceiros de Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE “á vista do debate plenario de onte e da coincidencia nos eixes fundamentais” respecto da necesidade dun novo modelo de estacionamento, coa posibilidade de que este novo modelo sexa trasladado ao vindeiro pleno de outubro.

“Está claro que nos atopamos nunha corporación moi plural e, por iso, debemos aproveitar a vantaxe de ter estas coincidencias para que as decisións sexan o froito do consenso da maioría dos grupos”, indicou Jaime Castiñeira, ao tempo que incidiu en que “os 17 votos dos edís da oposición son máis que os oito do goberno”.

Deste xeito, “e sempre unha vez decidido o modelo do servizo e de xestión, será o momento de analizar en que zonas se implanta”, polo que acusou ao goberno “de actuar ao revés ao anunciar que haberá ORA en máis rúas cando nin sequera sabe que sistema rexerá esta cuestión, posto que Méndez traballa cun modelo de hai 24 anos”.

Nesa liña, o voceiro popular afirmou que “o cambio de sistema e a aprobación e modificación das ordenanzas son competencia exclusiva do pleno”, polo que a instou a “deixar de dar pasos en balde, contradicindo o que opina a maioría da corporación e a maioría dos veciños”.

Castiñeira insistiu en que “a filosofía que debe rexer o estacionamento é a de garantir a rotación de vehículos e facilitar a mobilidade, en lugar de que a ORA sexa un instrumento de recadación para unha empresa privada, que se leva o 80% do total”.

Do mesmo xeito,  o BNG–Asambleas Abertas rexeitou a continuidade do sistema ORA. Rubén Arroxo denunciou que “enterámonos pola prensa das propostas que ten o goberno municipal” e engadiu que “o modelo de regulación de aparcamento non pode ser recadatorio como plantexa o PSOE. O modelo implantando polo BNG no concello de Pontevedra pode ser perfectamente trasladable a Lugo e esto suporía liberar ás arcas municipais dun importantísimo gasto, mellorar o sistema de control do aparcamento e rematar co gasto que lle supón aos veciños e veciñas estacionar en determinadas rúas”.

“Parece que o goberno municipal non quere oir o que lle están a pedir os veciños e veciñas de Lugo a través dos representantes que elixiron para formar a corporación municipal. Iremos vendo como moitos colectivos e asociacións van ter un papel destacado en impulsar un cambio necesario na mobilidade de Lugo e o sistema de regulación do aparcamento forma parte dese novo plan de mobilidade”.

Arroxo asegurou que o BNG–Asembleas Abertas propón un sistema controlado de tempo limitado no que o estacionamento sexa gratuíto.“ Non nos parece positiva para ninguén unha expansión, a máis zonas da cidade, deste sistema recadatorio”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com