CC.OO denuncia o recorte de horario de atención ao público en Ferreira do Valadouro

O sindicato Comisións Obreiras, maioritario na empresa postal pública Correos, denuncia que a empresa reducise o horario de atención ao público na oficina de Ferreira do Valadouro, logo da xubilación do director.

“A dirección levou a cabo unha redución do servizo prestado aos cidadáns que se traduce na supresión do 50% do horario de atención ao público que existía ata a data, provocando importantes colas de cidadáns que acoden á oficina postal a xestionar os seus envíos. Ademais, esta oficina presta servizos bancarios, co conseguinte prexuízo para os clientes desta zona”.

Estas medidas foron tomadas por parte da empresa, a xuízo de CCOO, sen valorar as negativas consecuencias para a cidadanía e sen comunicar a súa decisión previamente aos axentes sociais e políticos para dar lugar a posibles propostas e alternativas á supresión realizada. “Dende CCOO defendemos o servizo público que por lei presta Correos que deben ser de calidade e non por caridade”.

Ademais, o sindicato sinalou que estas medidas se enmarcan “nun amplo cadro de recortes que se vén producindo nos últimos anos e que provocou un prolongado conflito laboral iniciado fai agora case un ano”. CCOO insiste nas motivacións do conflito: “un recorte de emprego de 15.500 postos nos últimos cinco anos, 11.000 no que levamos de lexislatura, 102 na provincia Lugo, o que está a levar Correos á incapacidade para cumprir coas súas obrigas de servizo público cunha equipo insuficiente, un recorte salarial que os traballadores veñen padecendo ano tras ano dende 2010, e un recorte de dereitos tamén continuado que non fixo senón deteriorar e precarizar o emprego”.

Por este motivo, o próximo venres 10 de xullo delegados de CCOO estarán presentes na concentración que terá lugar ás doce da mañá diante da Oficina Postal de Ferreira do Valadouro, en defensa do emprego e do servizo público prestado por Correos.

CCOO entende que só con máis emprego e mellores dereitos será posible garantir a calidade na prestración deste servizo aos cidadáns, e quere chamar a atención para que “os responsables políticos e de Correos que teñen a posibilidade de actuar adopten as medidas necesarias para desbloquear un conflito, cuxa resolución pasa por un proceso de consolidación de emprego temporal en fixo, por medidas de recuperación salarial e de dereitos laborais como mecanismo para garantir o servizo aos cidadáns”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com