" />

CCOO pide á Deputación que integre na súa administración ao persoal de mantemento de zonas verdes que estaba adscrito a Suplusa

A Federación de Servizos á Cidadanía de Comisións Obreiras vén de solicitarlle ao presidente da Deputación Provincial, o socialistas José Tomé, a integración na administración provincial de todo o persoal que se encarga do mantemento das zonas verdes da Deputación que estaba adscrito a Suplusa. Dende o sindicato consideran que estes traballadores non están recibindo o mesmo trato que outros que tamén proviñan da sociedade urbanística que está en proceso de liquidación, e que xa foron subrogados na Deptuación. Por outra banda, e segundo explica Comisións Obreiras, a integración destes 20 traballadores non suporía un incremento de gasto para a institución senón que se aforrarían sobre 300.000 euros anuais, di o colectivo sindical, se se compara co custo actual da empresa TRAGSA, onde están integrados.

Desta mesma petición se facía hoxe eco o voceiro provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, que criticaba a forma “oscurantista” dixo, na que Tomé está a tratar este asunto, e que fai aos populares desconfiar de se o goberno provincial “quererá esconder algo no tocante á extinción de Suplusa”.

Castiñeira explica as razóns polas que os populares teñen a impresión de que o goberno provincial quere esconder algo no caso de Suplusa: “Pola non resposta do goberno da Deputación ás nosas dúbidas e por intentar tapar un asunto tan importante como é o de disolución de Suplusa metendo na mesma sesión plenaria o debate dos orzamentos da institución provincial para 2021; son dous asuntos importantes que merecían senllos plenos extraordinarios”.

O portavoz dos populares destaca: “O máis grave de todo é que hai traballadores de Suplusa que non están sendo escoitados e, aínda peor, que non están sendo tratados igual que os seus compañeiros; refírome aos traballadores das zonas verdes, que a Deputación subrogou a Tragsa inxustamente e que piden ser subrogados, como o resto dos traballadores de administración de Suplusa, na Deputación. Algo que se fixo tamén cos traballadores da TIC e cremos xusto e normal que así se fixera”. Javier Castiñeira diríxese ao presidente da Deputación: “Dicímoslle ao presidente da Deputación que aínda está a tempo de falar cos seus ex compañeiros, que use as súas dotes de sindicalista para tratar de solucionar este asunto. Para o PP, para pechar Suplusa ten que estar todo ben feito; a cuestión laboral están sen solucionar. Hai practicamente un ano que o levamos pedindo (recordamos que no pleno de final de decembro, no que reclamabamos os dereitos dos traballadores, estaban presentes os afectados e o presidente expulsounos da sesión); non se está portando ben cos seus ex compañeiros, que merecen un trato digno e igualitario co resto dos compañeiros que estiveron nunca situación similar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo