" />

Cen labregas abordan en Outeiro de Rei a cuestión da titularidade compartida

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, a Asociación Labregas e a Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres) celebraron hoxe en Vila de Aldea (San Clodio de Aguiar, Outeiro de Rei), unha xornada multidisciplinar na que se abordou a cuestión da titularidade compartida nas explotacións e á que asistiron case un cento de labregas.

Así, a xornada comezou cunha mesa de debate sobre o Dereito de familia en cuestión, que contou coa participación da avogada Sandra Pena, especialista nesta área legal que trata todo o relacionado coa xestión administrativa e política da unidade familiar: reparto de bens e dereitos, herdanzas, separacións, divorcios, etc. A letrada foi moi tallante á hora de afirmar que, “no intre de formalizar unha relación, as mulleres van condicionar as súas vidas en función das condicións en que o fagan”.

Por iso, Pena aconsellou que, tómese a decisión que se tome ao respecto, se faga sempre “sendo conscientes do que implica, pois non é o mesmo facer separación de bens que vivir en réxime de gananciais“, sendo esta última opción a maioritaria. Por exemplo, en caso de divorcio, unha muller que leve toda a súa vida traballando na casa da familia do seu cónxuxe, na granxa familiar, se non se fixo cotitular da explotación, non terá dereito case a nada ao non estar a granxa tamén ao seu nome e a pesares de ter sido fundamental o seu traballo para mantela.

A xornada continuou cunha mesa dirixida pola enfermeira e especialista en dereito á saúde, Emma Rodríguez Blanco, que incidiu en como afecta o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia ao desmantelamento de servizos sanitarios no rural, o cal ten repercusión directa na saúde das mulleres labregas, que cada vez teñen máis lonxe do seu domicilio a asistencia médica especializada.

Tralo xantar e unha visita guiada ao proxecto Vila de Aldea, continuouse pola tarde, xa centradas no tema fundamental do programa, co obradoiro Claves para a igualdade nas granxas, titularidade compartida. Cómpre non esquecer que, dende a súa entrada en vigor o 5 de xaneiro de 2012, a Lei de Titularidade Compartida só conseguiu que se desen de alta como titulares 17 labregas en Galicia e 290 en todo o Estado. Para o SLG, estas cifras son a expresión “dun rotundo fracaso á hora de aplicar unha lei que debería solucionar o feito de que, en Galicia, siga habendo 35.000 mulleres que traballan na granxa familiar sen ser titulares e, polo tanto, sen dereitos laborais ou sanitarios pola súa profesión“.

Dende a Secretaría das Mulleres do SLG e Ceres estase a defender a necesidade de que a titularidade compartida sexa dada de oficio, aínda que, até o momento, a Administración segue sen responder a un problema á hora de aplicar esta lei que leva arrastrando varios anos e que mantén sen dereitos centos de miles de mulleres que se dedican á agricultura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo