" />

Chega FILMU a Codex Cinema

O día 25 de novembro se conmemora o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller e, respondendo a este compromiso, Codex Cinema acollerá o primeiro festival de cinema de mulleres FILMU, organizado pola Consellería de Xuventude e Muller do Concello de Lugo. Este evento forma parte dunha ampla serie de iniciativas que se veñen producindo ao longo deste mes para concienciar e facer visible este grave problema que debe preocupar e unir a toda a sociedade.

 

FILMU é un festival que non só quere ofrecer proxeccións, senón tamén promover encontros e charlas onde o público participe activamente e non sexa simplemente o receptor dunha mensaxe. Por iso mesmo, e a pesar das dificultades engadidas polas limitacións sanitarias, visitarán Lugo varias cineastas para falar das súas experiencias e de como o cinema pode ser altofalante de moitas loitas. Dúas cineastas galegas, Paula Cons e Ana Dominguez, presentarán os seus filmes e terán un coloquio posterior cos espectadores lucenses. Beatriz Carretero, directora de Hijas de Cynisca, manterá unha charla sobre deporte feminino en Lugo despois do pase do seu documental sobre as dificultades que tiveron e as discriminacións que sufriron grandes estrelas do deporte español como Amaya Valdemoro, Ona Carbonell, Almudena Cid ou Lidia Valentín. Tamén a escritora e cineasta Mabel Lozano mostrará o seu filme El proxeneta e presentará por primeira vez en Galicia o seu libro Pornoxplotación.

 

A selección de filmes pon en valor a produción das cineastas galegas, como Anxos Fazáns, Ana Domínguez, Paula Cons e Diana Toucedo, as dúas últimas xa protagonistas en Codex no momento da estrea das películas. Haberá tamén unha homenaxe a gran Agnès Varda, unha das mellores cineastas da historia do cinema que por desgraza finou o ano pasado, tras unha carreira marcada polo activismo feminista e a evolución formal do cinema. Dela poderemos ver a maxistral Cléo de 5 à 7, así como os seus dous últimos filmes, valentes autorretratos de si mesma, da súa vida e das súas inquedanzas para o futuro. E, ademais das proxeccións xa comentadas dos filmes de Mabel Lozano e Beatriz Carretero, teremos unha selección de filmes arxentinos, coa película Mamá, mamá, mamá, de Sol Berruezo Pichon-Rivière, unha das grandes sorpresas da tempada de festivais; e Ínsula, un sorprendente documental sobre vidas afastadas da normalidade. Por último, e dentro desta mirada especial sobre o cinema arxentina, prográmanse dous filmes dunha das mellores cineastas da actualidade, Lucrecia Martel. Esta mestra do cinema destaca por unha filmografía coherente e de grande éxito internacional nos festivais. Da súa selecta filmografía se proxecta a súa ópera prima La ciénaga e a súa última produción ata hoxe, Zama.

 

Este certame terá lugar integramente en Codex Cinema entre os días 25 e 29 de novembro. A entrada para todas as sesións será completamente de balde, mais é obrigatorio facer unha reserva previa na web www.filmu.es. Codex Cinema actúa unicamente como sede e non ten responsabilidade na xestión de reserva de entradas.

 

Viaxe á Turquía rural

Ademais deste festival pioneiro en Galicia, a actualidade cinematográfica non para en Codex, e seguen as estreas con Un conto de tres irmás, de Emin Alper. O filme é a última gran proposta dunha filmografía en auxe como a turca. Deste país, nexo entre Europa e Asia, chegan cada vez máis propostas innovadoras, seguindo o camiño do gran Nuri Bilge Ceylan, o cineasta turco máis internacional, que xa tivo unha película en Codex, a memorable A pereira salvaxe. Ao igual que aquel xenial filme, este de Emin Alper céntrase nun drama que atén a toda a civilización occidental: o tránsito entre o campo e a cidade, os cambios de vida e costumes, a perda dos valores e tradicións do rural fronte a vida superficial e tecnolóxica, chea de posibilidades que ofrecen as novas urbes. Un melodrama terrible sobre tres irmás que tratan de continuar coas súas vidas ao tempo que non poden romper ese vínculo emocional cun pai que non quere darse conta do cambio dos tempos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo