Cidadáns pide melloras nas rúas Pedáneo Xoán Diego e Vía Láctea

O grupo municipal de Cidadáns reclama melloras nas rúas Pedáneo Xoán Diego e Vía Láctea, na zona de Albeiros. O concelleiro de Cidadáns, Jesús Expósito, que visitou a zona e coñeceu de primeira man as demandas dos veciños, pide ao Goberno municipal que acometa esta actuación con cargo ao Plan de Barrios, dotado de 2,5 millóns de euros nos Orzamentos deste ano. Jesús Expósito agarda “que a alcaldesa non caia na tentación de facer caciquismo e electoralismo barato con esta partida económica” e esixe “que sexa destinada a actuacións necesarias e pendentes desde fai anos, como é este caso”.

Os veciños da rúa Pedáneo Xoán Diego, que discorre paralela á vía do tren, sofren desde fai tempo graves problemas de saneamento. A isto engádese o mal estado do firme da rúa, afundido en moitas zonas e cheo de fochancas. Por iso, Cidadáns pide “que sexan acometidas obras de renovación da rede de saneamento e a continuación se proceda á repavimentación da rúa mediante aglomerado en quente”, tal como piden os veciños.

Tamén se atopa en moi mal estado a rúa Vía Láctea, ubicada tamén no barrio de Albeiros, nas proximidades da rúa Pedáneo Xoán Diego. Segundo Jesús Expósito, tamén é necesario que sexan acometidos traballos de reparación e mantemento neste outro vial. O concelleiro de Cidadáns repróchalle ao actual Goberno municipal a “desatención á que ten sometidos aos barrios da periferia da cidade o actual Goberno municipal, que practicamente non fixo investimento algún nestas zonas do extrarradio da cidade no que vai de mandato”.

Jesús Exposito afirmou que “se hai cartos para cubertas futuristas de rúas e para pasarelas rococó de columnas dóricas tamén ten que haber para dar servizos básicos aos veciños e veciñas dos distintos barrios de Lugo, que pagan os seus impostos coma calquera outro cidadán”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com