Cinco anos de prisión para Liñares por suborno e prevaricación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a cinco anos de cárcere por delitos de suborno e prevaricación, ambos os dous continuados, ao expresidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) Franciso Fernandez Liñares. O tribunal tamén lle impuxo a inhabilitación para desempeñar emprego ou cargo público durante vinte anos, así como o pago dunha multa de 7.200 euros. Os maxistrados consideran acreditado que o acusado, entre 2009 e 2012, na súa condición de presidente do organismo, adxudicou contratos de obras a sociedades, con cuxos representantes se puxo de acordo, a cambio de cartos ou de prestacións de traballo nas súas propiedades.

A Audiencia, ademais, condenou a oito empresarios implicados como autores dos mesmos delitos -suborno e prevaricación- a un ano e tres meses de cárcere, seis anos de inhabilitación para emprego ou cargo público e seis meses de inhabilitación para obter subvencións e axudas públicas e para contratar con entes, organismos ou entidades que formen parte do sector público, así como a inhabilitación para gozar de beneficios ou incentivos fiscais e da seguridade social durante un ano e nove meses. O tribunal absolveu a un apoderado dunha das sociedades por falta de probas.

O condenado, cando exercía de presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, segundo consta na resolución, adxudicaba as obras mediante procedementos negociados, polo que tiña a obriga de solicitar, como mínimo, ofertas a tres empresas antes de pechar os contratos. Os xuíces sosteñen no fallo que “o entón presidente e os tres empresarios que concorrían ás licitacións xa pactaran previamente cal deles sería o adxudicatario do contrato”. Asemade, a sentenza detalla que “os outros dous, polo tanto, presentábanse para darlle cobertura e aparencia de legalidade. As compañías se turnaban para conseguir as adxudicacións”.

A Audiencia destaca na sentenza que algúns dos empresarios implicados recoñeceron os feitos. As súas manifestacións, segundo o tribunal, “poñen de manifesto unha mesma mecánica de actuación, tanto nas ofertas con invitacións como na intervención do presidente da CHMS na realización das ofertas e, así mesmo, no concerto de pagos a cambio de obras”. Ademais destes testemuños, os maxistrados indican que as intervencións telefónicas e os seguimentos realizados durante a investigación “poñen ás claras as relacións habidas entre o presidente da CHMS e os acusados”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com