Ciudadanos pide a convocatoria do debate sobre o estado do Concello

O grupo municipal de Ciudadanos esixe á alcaldesa, socialista Lara Méndez, que convoque antes de que remate este ano o primeiro debate sobre o estado do Concello deste mandato. Neste sentido, Ciudadanos levará ao vindeiro pleno unha iniciativa para que se fixe unha data para a súa celebración.

A voceira de Cuidadanos no Concello, Olga Louzao, lembra que o artigo 114 do Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Lugo establece que “en cada mandato corporativo terán lugar tres sesións extraordinarias do Pleno dedicadas ao debate do estado do Concello” e que “non haberá lugar a realizar dito debate nos anos en que haxa eleccións municipais”.

Por iso, a voceira de Ciudadanos afirma que “de non convocar este debate antes de rematar o ano a alcaldesa estaría incumprindo o Regulamento do Pleno do Concello”. Olga Louzao considera que a rexedora “non ten interese ningún en que se debata como está a cidade e cal foi a xestión deste Goberno municipal neste ano e medio que vai de mandato porque o seu balance é nefasto. Non se fixo nada e supoño que o que non quererá é ter que recoñecelo nun Pleno, pero é unha estratexia de avestruz inútil, porque calquera veciño ve todos os días como está a cidade e a parálise e desidia absoluta que hai neste Goberno”, afirma a voceira de Ciudadanos.

Olga Louzao lembra que a alcaldesa tomou posesión en xuño de 2015, polo que considera que o debate xa se debía ter producido superado o primeiro ano de mandato. O debate do estado do Concello vense producindo en Lugo desde o ano 2008. Celebráronse desde entón, con José Clemente López Orozco como alcalde, seis debates, habitualmente no mes de setembro.

“Xa vai aló case a metade deste mandato con esta alcaldesa á fronte do Concello e non vimos que a cousa mellorase. É máis, desde Ciudadanos pensamos que este ano e medio de Lara Méndez foi absolutamente perdido. Non se fixo nada, a cidade está peor ca nunca e o que é máis grave, neste equipo de Goberno non hai ideas nin interese para que as cousas cambien”, resume a voceira de Ciudadanos no Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo