" />

Comezan as entrevistas para seleccionar aos participantes do plan de emprego xuvenil Prende!

Os técnicos da Deputación de Lugo desenvolven esta semana as entrevistas para seleccionar aos 60 participantes do programa de emprego xuvenil Prende! Bota raíces no rural. A institución provincial escollerá, a través deste proceso, a 60 mozos e mozas de entre as preto de 90 solicitudes que chegaron en tempo e forma. Está previsto que a etapa formativa do plan arranque durante o mes de marzo.

Coa idea de facilitar a incorporación dos participantes ao programa e evitarlles custes engadidos, a Deputación realiza as entrevistas nas diferentes localidades onde terá a etapa de instrución ou en Lugo capital. Onte, as entrevistas tiveron lugar na Granxa Gayoso Castro; hoxe son en Pedrafita; mañá, mércores, celebraranse en Monforte de Lemos; o xoves, no Valadouro; e o venres, na propia Deputación.

A formación levarase a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.

Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.

No plan, co que a Deputación busca fixar poboación moza nos 55 concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes ou ata 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo, puideron participar veciños dos seguintes municipios: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Castro de Rei, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo