Concello e Deputación asinan un convenio para levar a cabo os estudos sobre o desdobramento da avenida Duquesa de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, estiveron xuntos esta mañá no anuncio do desdobramento da avenida Duquesa de Lugo, dende a avenida Benigno Rivera, ata o parque de Frigsa para “dar continuidade a o que xa está feito”, asegurou Méndez. As dúas institucións colaborarán para levar a cabo os estudos topográficos iniciais.

Lara Méndez, afirmou que esta nova entra dentro das medidas que está propoñendo o Concello para “humanizar Lugo e seguir mellorando a mobilidade”. Segundo asegurou a rexedora, esta actuación non só mellorará a vida dos cidadáns lucenses senón tamén de todos os veñan á cidade xa que se trata “dunha das avenidas de entrada máis importantes de Lugo”.

Asemade, a alcaldesa resaltou que unha parte imprescindible desta nova obra será engadir un carril bici e pór aceras para dar continuidade as obras xa feitas nesta mesma avenida.

A rexedora lucense agradeceu a Campos Conde as facilidades para asinar un convenio de colaboración entre as dúas institucións, no que se establece unha axuda económica, por parte da Deputación, de un millón de euros para facer esta obra.

Na mesma liña, o Presidente da Deputación resaltou que a súa institución “debe traballar con todos os concellos man a man, especialmente co de Lugo dado que é onde vive un terzo dos veciños da provincia”. Campos Conde quixo destacar que ve moi importante mellorar a calidade de vida dos veciños que, neste caso, pasa por conectar o centro da cidade cos polígonos e co centro comercial.

Noutro punto, Darío Campos anunciou que esperan que no mes de maio comecen as obras de iluminación do paseo do Rato.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com