Concello e Deputación celebran o Día da Saúde Mental

Representantes do Concello e a Deputación de Lugo celebraron este luns o Día da Saúde Mental compartindo actos con distintas asociacións que tratan este tipo de doenzas. Dunha banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, inauguraron esta mañá o novo Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da Asociación Alume (Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais).

Este novo local atópase situado na Rúa Illa Coelleira, 3, no barrio de Montirón, nunhas instalacións máis amplas, accesibles e abertas a tódolos interesados. O centro conta con 400 metros cadrados aproximadamente e dispón de locais de informática, para terapias, multiusos e despachos.

A rexedora explicou que “o Concello colabora con Alume cunha subvención nominativa de 10.000 euros, no seu traballo por intentar buscar a integración a todos os niveis e en todos os eidos, tan necesaria para seguir avanzando como sociedade, porque se unha sociedade deixa unha parte fóra non avanza e non se conseguirá unha sociedade completa e igualitaria”.

Ademais, o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, acompañado de máis de 50 membros da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental na Mariña, presentou AGARIMO, unha revista elaborada polas persoas que integran esta asociación, en colaboración coa Deputación, co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora hoxe, 10 de outubro.

O Presidente, Darío Campos Conde, recibiu tamén aos mozos e mozas do colectivo e destacou a “enorme labor que realizan para dar visibilidade a este tipo de doenzas mentais”. No acto tamén participaron a Presidenta da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña”, María Iris Castro Meitín; e a Directora Técnica Xeral, María José Novoa Rodríguez; así como un representante do CRPL de Burela, Jorge Machado Rivero; un do CRPL de Ribadeo; Miguel Villarino Mencía, e unha da Unidade Residencial de Cervo, Rebeca Rodríguez Rivas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com