A Consellería de Política Social cede o uso dun local en Lugo a Aspace

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia cede á Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (Aspace) de Lugo o uso dun local de máis de 110 metros cadrados de  superficie, situado na rúa Alfredo Brañas.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta da asociación, María Carmen Bermúdez Lodeiro, para explicarlle os termos da cesión e asinar a acta de ocupación.

O local é propiedade da Consellería e está situado no número 1 da citada rúa, xusto ao carón das instalacións que posúe Aspace na cidade. O colectivo solicitou o uso deste baixo para poder ofertar aos seus socios un ximnasio neurolóxico onde se levarían a cabo actividades prácticas para a rehabilitación.

No mesmo lugar, teñen intención de crear un “espazo multisensorial” e desenvolver actividades lúdicas como obradoiros artísticos, pintura, teatro ou marionetas, entre outras. O baixo conta con entrada directa dende a rúa e é de fácil acceso para os socios de Aspace. Ademais, apenas require intervencións para acoller as actividades previstas, de xeito que o colectivo non prevé executar obras nin incluír instalacións fixas.

O delegado territorial gabou o labor que realiza a asociación pola promoción, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con parálise cerebral. Aspace é unha asociación sen ánimo de lucro e as actividades programadas no local que cede a Consellería serán exclusivamente para uso e disfrute dos socios, sen ningunha utilidade económica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo