Convocadas as axudas municipais ao deporte por 154.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a convocatoria de dúas liñas de axuda ao deporte que suman 154.000 euros co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no termo municipal, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Trátase das subvencións para clubs, entidades deportivas e demais asociacións sen ánimo de lucro así como das axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo. O Concello destina 130.000 euros para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro.

Tal e como explicou Fernández, poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociación e ter tramitadas e en vigor ante a Federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. Non se admitirá máis dunha solicitude por club, asociación ou entidade.

“A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboracion nas súas actuacións co Concello”, adiantou o voceiro, quen fixo fincapé nos aspectos subvencionables; gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade tales como licenzas, material ou gastos de desprazamento, entre outros; ou gastos de persoal necesario para o desenvolvemento de actividades.

Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno autorizou así mesmo a convocatoria de axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo. Para elo, o Concello destina 24.000 euros. Terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autónómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1996 e 2001, estar federados nun club do concello e estar empadroado no municipio.

Todos os interesados en calquera destas dúas liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia. Estas tamén se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello.

Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade

O voceiro municipal adiantou que a sesión da Xunta de Goberno aprobou nomear, para fomar parte do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade do Concello aos seguintes Concelleiros, Ana Prieto, polo Grupo Municipal Socialista; Ana López Pombo, polo Grupo Municipal Popular; Cristina Pérez Herráiz, polo Grupo Municipal Lugonovo; Tareixa Ferreiro Tallón, polo Grupo Municipal BNG-Asambleas Abertas; Olga Louzao, polo Grupo Municipal Ciudadanos; e Carlos Portomeñe, por ACE.

A Presidencia deste órgano será exercida por Ana González Abelleira e a vicepresidencia por Carmen Basadre.

Nova licenza para as Gándaras

A Xunta de Goberno aprobou a concensión dunha nova licenza para a construción dunha nave no polígono industrial das Gándaras, unha actuación que conta cun orzamento de preto de 218.000 euros, segundo avanzou Miguel Fernández. O permiso está destinado á posta en marcha dunha estación de servizo. O prazo de execución das obras é de 24 meses.

Con esta nova licenza, o Concello leva concedido dende finais do mes de xullo unha vintena de licenzas de construción de naves no polígono das Gándaras, un permiso no que a entidade local aplica unha bonificación do 50% para favorecer o asentamento de empresas nese parque.

Sistemas de impresións

Este mércores a Xunta de Goberno acordou adxudicar o mantemento, subministración de consumbiles e reparación dos sistemas de impresión do Concello de Lugo á mercantil Discount Informáticos S.L, por 58.800 euros, segundo avanzou Fernández.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com