Cs Lugo pide que se revise a ubicación e o mantemento dos pasos de peóns

O grupo municipal de Cidadáns no Concello de Lugo esixiu esta mañá á alcaldesa que acometa con carácter urxente unha revisión do estado no que se atopan os pasos de peóns da cidade polo “perigo” que supón o seu “deficiente estado de conservación” en termos de seguridade viaria.

A voceira da agrupación, Olga Louzao, denunciou a “parálise e a desidia do Goberno municipal, que en catro anos non foi capaz nin de darlles unha man de pintura aos pasos de peóns, que en moitos casos nin se ven por estaren totalmente despintados e noutros hai elementos como contedores que impiden ou dificultan a visibilidade“.

Logo dun estudo minucioso da situación na que se atopan os pasos de peóns, Louzao indicou que “esta situación dase por toda a cidade pero sobre todo nos barrios máis periféricos, en zonas como A Cheda, Fingoi ou Lamas de Prado pero tamén en rúas máis céntricas como San Roque, Fontiñas ou a Avenida da Coruña”.

A voceira de Cs explicou que na cidade de Lugo hai un total de 1.115 pasos de peóns dos que só 220 están regulados por semáforo e facilitou o dato de que “en catro anos de mandato o Goberno de Lara Méndez só pintou 130 pasos de peóns, un 11% dos existentes, o que dá idea da inoperancia e inutilidade absoluta deste Goberno municipal”.

Neste sentido, indicou que “o Goberno ten a obriga de garantir a seguridade dos cidadáns” e afirmou que “unha alcaldesa que non é nin capaz en catro anos de facer algo tan básico como é pintar os pasos de peóns está claro que non está capacitada para dirixir unha cidade de 100.000 habitantes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com