" />

Denuncian á directiva da comunidade de montes de Lousada por irregularidades nas contas

O xulgado de Instrucción de Vilalba estuda unha denuncia presentada contra a Xunta Directiva da Comunidade de Montes de Lousada, no concello de Xermade, por un suposto delito de administración desleal, tipificado no artigo 252 do Código Penal, na xestión dos montes veciñais en man común da parroquia.

A denuncia, que foi ratificada no día de hoxe nos Xulgados de Vilalba, deriva das irregularidades detectadas na contabilidade da Comunidade nunha auditoría externa encargada por un grupo de comuneiros. Este informe pericial independente desvelou no pasado mes de febreiro defectos graves no funcionamento da Comunidade e falta de información e ocultismo na documentación facilitada aos socios.

Entre outras irregularidades, a auditoría detectou un desfase de máis de 30.000 euros no balance contable do ano 2017 entre o saldo positivo que figura na contabilidade oficial presentada pola Xunta Directiva (75.000 euros) e o realmente existente nas contas da comunidade (44.000 euros), así como movimentos bancarios e cargos por importe de máis de 10.000 euros sen soporte documental algún, pagos e cobros realizados ao contado que non contan cos xustificantes correspondentes, gastos rexistrados por duplicado, unha partida de gastos sen xustificar e determinados conceptos que serían alleos á propia actividade da Comunidade de Montes.

A denuncia, que asina Alfonso Fernández Pena en calidade de veciño da parroquia e comuneiro, alerta de que “non se está levando a cabo unha xestión responsable, rigurosa e leal“, polo que se recurre ao Xulgado “en defensa dos intereses da propia Comunidade de Montes” e para velar polos dereitos dos 70 comuneiros afectados.

O suposto delito penal contra o patrimonio e de carácter societario, con penas que irían entre os 6 meses e os tres anos de prisión, recaería sobre a totalidade da Xunta Directiva actual, presidida por Roberto García, e os restantes seis membros da xunta rectora escollida na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o 5 de maio de 2018.

Entre outras dilixencias, solicítase ao Xulgado de Vilalba que requira aos denunciados para que aporten unha serie de documentación que non foi facilitada aos comuneiros, entre outra, os Libros de Actas así como os Libros de Ingresos e Gastos, os movimentos bancarios, a relación de subvencións recibidas e o inventario de bens e maquinaria que pertence á comunidade.

Tanto o veciño denunciante como outros comuneiros pediron en diversas ocasións á Xunta Directiva da CMVMC de Lousada “toda a documentación económica e patrimonial aos efectos de poder analizar o estado actual das contas e a xestión levada a cabo desde o ano 2007 sen que esta fora aportada”.

Pretendían deste xeito analizar a xestión levada a cabo nos últimos 10 anos, non sendo isto posible pois simplemente puideron ver de xeito parcial a documentación relativa ao ano 2017. Por iso reclaman agora esa documentación por vía xudicial. De feito, a denuncia insta ao Xulgado de Vilalba a solicitar da Xunta de Galicia os distintos estados de contas presentados desde o ano 2007 até a actualidade así como as subvencións aportadas para conceptos como limpeza de ontes, pastoreo ou loita contra incendios.

O actual presidente da Comunidade de Montes ocupa o cargo desde o mes de xuño de 2017 cando pasou a asumir esta responsabilidade como consecuencia do falecemento do seu pai, que ostentou o cargo durante máis de 20 anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo