Elena Candia

¡E para isto unha moción de censura!

“En política o que non é posible é falso”, segundo afirmación reiteradamente atribuída a Cánovas. Seguindo esta liña de pensamento, é evidente que as negociacións do socialista Pedro Sánchez co podemita Pablo Iglesias e outros non foron posibles porque foron falsas. Foron falsas polo menos por parte do secretario xeral do PSOE e presidente en funcións de España; é dicir, só houbo aparencia de negociacións, porque nunca foron desenvolvidas con verdadeira vontade de acordo. Agora xa sabemos sen ningún xénero de dúbida que era isto, a imposibilidade de acordo, o que buscaba Pedro Sánchez, que, convencido de que a repetición electoral reforzará a súa situación, antepuxo de xeito irresponsable os seus propios intereses aos da nación, aos intereses dos españois. E así chegamos, empurrados por un presidente irresponsable, á repetición das eleccións xerais nun momento que política, social e economicamente é moi delicado. E así chegamos tamén a unha situación en que a irresponsabilidade, o egoísmo e a inmatureza dun líder ten sumidos aos cidadáns no cansazo de todo o que soe a política e na desconfianza en todo aquilo que ten que ver con ela. É o triste balance do traballo dun home que non dubidou en promover unha moción de censura tan innecesaria como prexudicial para o país.

Agora xa non cabe dúbida. Ninguén que mire o mundo sen anteolleiras pode dubidar de cales foron as verdadeiras intencións que levaron a Pedro Sánchez a presentar a moción de censura para botar a Mariano Rajoy da presidencia do Goberno. Non, non hai máis interpretación acertada que a que sitúa a explicación na desmesurada ambición de Sánchez; unha ambición que non encontra o seu límite nin sequera no interese do país, dos cidadáns. Derribou, vía moción de censura, cos apoios de todos sabidos, a un presidente que tiña os orzamentos aprobados cos votos a favor de sete forzas políticas; é dicir, dispoñía da ferramenta fundamental para que o país seguise avanzando de maneira decidida, como o estaba facendo, como os mellores do seu entorno. Foi unha moción de censura a un presidente, Mariano Rajoy, que deu sobradas probas da súa capacidade para buscar o consenso. Foi unha moción de censura a un presidente que guiou con acerto ao país no medio da tormenta perfecta dunha crise da que saímos moito menos tocados que outros nacións do noso entorno. Pero a Pedro Sánchez todo iso dálle igual; ao socialista Sánchez só lle importan el e a su vontade de poder. Por iso, o seu obxectivo, coincidente co de aqueles aos que enganou no simulacro de negociación, é apartar do poder ao PP, ao único partido que sabe que está en condicións de impedir que volva á Moncloa e ao Falcon. Sánchez responsabiliza agora aos outros, aos que non quixeron pactar con el, da repetición das eleccións, é dicir, o contrario do que destacaba cando era Rajoy quen buscaba apoios para a investidura. Para Sánchez, a responsabilidade sempre é dos outros.

En medio de toda esta situación disparatada, provocada pola ambición de Pedro Sánchez, hai algo positivo: de aquí as eleccións, todos os españois saben xa que poden esperar do candidato socialista a repetir na presidencia do Goberno. Que ninguén se chame a engano, porque será responsabilidade de cada un caer ou non de novo nas trampas do señor Sánchez e dos que lle preparan o terreo mediante enquisas pagadas con fondos públicos. Cada un, á hora de votar, é moi libre de tomar as decisións que considere máis oportunas. Eu estou convencida de que esta vez a irresponsabilidade non lle vai saír gratis ao señor Sánchez. A sociedade está cansa da infame representación teatral que organizou, sen máis obxectivo que mellorar a súa situación política e apartar do poder ao PP. Por iso, estou segura de que os cidadáns poñerán ao señor Sánchez e ao PSOE no seu sitio. E o seu sitio non é a presidencia do Goberno de España, porque non é sitio para os que actúan de mala fe. Cánovas deixou dito que «a mala fe política é acaso más delituosa que aquela que castigan os códigos nos negocios privados».

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Luis Díaz
    Set 25, 2019 - 12:07 AM

    Su falsedad , no es más que otra de las razones por las que muchos hemos dejado al PSOE y estamos ahora en Podemos .

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com