Educadores sociais piden “un trato digno” aos menores nas novas sobre pelexas de adolescentes

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), reclama que se lles dea “un trato digno” aos menores nos medios de comunicación nas novas nas que se vén informando sobre pelexas entre adolescentes na cidade de Lugo.

Nun comunicado, o colectivo quere facer patente a súa “preocupación e rexeitamento” ante o que cualifican “unha vulneración dos Dereitos dos Nenos e das Nenas, a Convención sobre os Dereitos dos Nenos e das Nenas, así como na lexislación vixente estatal e autonómica”.

Segundo o Ceesg todas estas leis e tratados teñen como obxectivo que as nenas e nenos conten cunha especial protección que lles permita desenvolverse física, mental, moral, espiritual e socialmente de xeito saudable, en condicións dignas e de liberdade. “Unhas obrigas que tamén teñen que cumprir os medios de comunicación, os cales deben informar tendo a ética como principio por riba da busca das audiencias ou os ingresos publicitarios”, subliñan.

Neste sentido, lembran  que esta protección especial “ten que ser efectiva e real”. “De aí que pixelar vídeos e/ou imaxes non sexa suficiente para garantir a intimidade e os dereitos dunha persoa mentres estas vaian acompañados de iniciais, nomes de centros educativos, idades e moitos outros datos que fan moi facilmente identificables ás persoas implicadas”, apuntan.

O colectivo denuncia ademais que se está sometendo aos menores a entrevistas e declaracións que, “lonxe de axudar a que estes lamentables feitos non se repitan, alimentan unha campaña de sensacionalismo que afecta moi negativamente a imaxe da xuventude de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com