Elvira Lombao: “O PP impide que Outeiro de Rei se integre no Viogen”

A responsable local do BNG en Outeiro de Rei, Elvira Lombao, informou da negativa do goberno do PP a estudar a posibilidade de que o Concello se integrase no sistema Viogen. O BNG propúxolle, a través dun rogo no pleno da corporación, ao goberno municipal que iniciase os trámites necesarios para integrar ao Concello de Outeiro de Rei no sistema de Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (Viogen). Ante a proposta do BNG o alcalde do PP limitouse a afirmar “non se vai facer”.

Segundo explicou Elvira Lombao na provincia de Lugo solo están plenamente integrados neste sistema os concellos de Burela, Ribadeo e Vilalba “non podemos ter uns servizos sociais alleos aos casos de violencia de xénero pola falta de iniciativa política” e engadiu “coa integración do Concello no sistema Viogen o concello pode mellorar a prevención, vixilancia e protección de vítimas ademais de compartir datos e información sobre agresores”.

Lombao sinalou que o concello de Outeiro recibirá unha “cantidade mermada” no reparto de fondos do Pacto de Estado contra de Violencia de Xénero debido a que o concello non está integrado no Sistema Viogén. A Subdelegada do Goberno anunciou fondos para os concellos lucenses pero o de Outeiro de Rei non estará integrado neste sistema de Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (Viogen) por que o grupo de goberno así o decidiu. O concello recibirá unha cantidade fixa de fondos de 689 € e a estes sumaránselle unha cantidade variable que resultará de multiplicar 0,18 € polo número de habitantes, unha cantidade que a responsabel do BNG cualificou como “claramente insuficiente”.

Unha das medidas máis urxentes de levar a cabo, segundo a nacionalista, é a necesidade de adoptar as modificacións legais oportunas para que a administración local poida levar a cabo actuacións na promoción da igualdade entre homes e mulleres. “Os concellos son as administración máis próximas e temos que ter ferramentas para loitar contra a violencia de xénero” asegurou Elvira Lombao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com