" />

Empresarios e oposición critican os colapsos da Sede do Concello para solicitar as axudas económicas

O Concello de Lugo abría onte o proceso de solicitude das axudas para a recuperación económica do municipio. Un trámite ao que se poderían acoller empresas que tiveran a obriga de pechar, total ou parcialmente, a súa actividade por mor da Pandemia.

Algo moi acusado entre os empresarios lucenses. Así, e logo de que o Concello anunciara que se darían as axudas por orde de presentación ata agotar o orzamento, a gran cantidade de solicitudes que intentaron presentar os empresarios e autónomos xerou grandes incidencias na Plataforma Electrónica Municipal, única vía para presentar esta petición.

Así, en torno ás 12.30 do mediodía de onte, tan só 150 empresas puideran acceder á web para solicitar estas axudas. Un feito que xerou malestar entre o empresariado lucense e do que se fixo eco esta mañá a agrupación de Cidadáns que tildaba a administración electrónica do Concello como unha “chapuza mal dimensionada”.

A voceira da agrupación, Olga Louzao, acusou ao Goberno de Lara Méndez de falta de previsión ante o que foi o terceiro bloqueo desta plataforma en menos dun ano e polo mesmo asunto.

Pero non só Cidadáns criticou esta situación. O outro partido da oposición, o PP, lamentou o que tildaron de falta de autocrítica do Goberno logo de que a edil titular da área cualificara o colapso do rexistro electrónico como “pequenas incidencias”; unha expresión que para os populares “di moito sobre a falta de empatía” do goberno local, xa que lonxe de pedir desculpas, din os populares, “aseguran que ter o sistema fóra de servizo demostra o éxito do plan”.

Pola súa banda, a Asociación Lugo Monumental facíase eco esta mañá das protestas dos seus asociados que durante a mañá de onte intentaron presentar a solicitude de axudas. Este erro da web municipal implica, segundo afirma a asociación que algúns interesados que intentaron presentar a documentación á primeira hora na sede non o puideran facer ata horas máis tarde, o que podería afectar á súa recepción dado que o único baremo é a orde de entrada en rexistro.

Por todo iso, Lugo Monumental propoñía esta mañá ao Concello que acepte solicitudes presentadas por calquera medio alternativo, como podería ser a sede electrónica da Xunta; que aprobe todas as axudas solicitadas durante os días 20 e 21 que cumpran os requisitos sen ter en conta a hora de entrada; e que se revise a tecnoloxía utilizada na web municipal para evitar futuros colapsos do sistema.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo