" />

En Marea denuncia a militarización do aeródromo de Rozas

A deputada Yolanda Díaz de En Marea consegue que todos os grupos políticos do Congreso, agás o PP, apoien a proposta para saber cales son os plans de Xunta e Estado para Rozas. Díaz foi a encargada de defender diante da Comisión de Defensa a iniciativa pola que En Marea demanda ao Goberno central a paralización das probas con avións non tripulados, tamén chamados “drons” e as “oportunas explicacións á cidadanía sobre os fins contemplados polo Ministerio de Defensa para o Aeródromo das Rozas no Concello de castro de Rei”.

“Este proxecto no que vén traballando o PP en comandita co Ministerio de Defensa e particularmente co presidente da Xunta de Galicia é un episodio máis da arte da mentira política. O señor Feijóo vén sistematicamente consignando nos seus presupostos inxentes cantidades económicas para este proxecto coa única escusa de dicirnos aos galegos e ás galegas que é un proxecto dirixido á investigación civil e que estas naves non tripuladas son materias civís e de emerxencias. Dende AGE no Parlamento galego demostramos que este proxecto en absoluto é de carácter civil e que está vencellado a proxectos estratéxicos do Ministerio de Defensa”, denunciou a deputada de En Marea na súa intervención.

En Marea tamén solicita na súa iniciativa información acerca “das probas realizadas no Aeródromo das Rozas e sobre o contido do convenio asinado entre o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial dependente do Ministerio de Defensa, o concello de Castro de Rei, a Deputación de Lugo e o Real Aeroclube de Lugo. E insta a facer públicos os contidos do convenio asinado pola Xunta de Galicia co Ministerio de Defensa para o establecemento dunha base para a experimentación de drons. Así mesmo, pídelle que aclare que recursos económicos se van inverter no Aeródromo”.

“En Galicia levamos anos pedindo que se dea a información oportuna sobre se é certo que o Ministerio de Defensa vai radicar en Rozas unha das cinco bases de probas dos EEUU en Europa. E que despois poidamos democraticamente decidir pero que non se nos diga que é unha operación de carácter civil dirixida a cuestións de emerxencias”, requiriu Yolanda Díaz.

Díaz tamén se referiu na súa intervención á constitución do denominado Centro de Investigacións Aerotransportado en Rozas. “E tampouco podemos engadir que coincidindo coas eleccións xerais se acaba de levar adiante a través do GROSA a realización de probas con drons de fabricación israelita coa vocación clara de conseguir os certificados de navegabilidade deste aparato e dirixilo ás probas da OTAN en Zaragoza. Así que non hai dúbidas, a pesar da opacidade do Ministerio de Defensa, que estamos diante dun proxecto de carácter militar ao que a Xunta consigna ata 50 millóns de euros”, engadiu Yolanda Díaz.

“Tanto esta deputada coma o deputado galego Ramón Vázquez e o europarlamentario Javier Couso pedimos en moitas ocasións unha visita ó aeródromo das Rozas, visita que se nos nega categoricamente a todos os cargos públicos e pedimos os certificados de navegabilidades pois estamos poñendo á poboación nun auténtico risco e se levamos dous anos pedindo isto todo indica que non existen”, dixo Díaz. “Pedimos a paralización das probas con avións non tripulados mentres a cidadanía galega non coñezamos os riscos deste proxecto, que se nos informe das probas que se realizaron en Rozas e os contidos asinados co Ministerio de Defensa, Xunta de Galicia e demais. Que se nos dea luz sobre os recursos que dedicamos a cidadanía a este proxecto, temos dereito porque isto é unha democracia”, concluíu Yolanda Díaz.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo