Fabiola García abrirá as xornadas do PP sobre o despoboamento do rural

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, será a encargada de abrir as xornadas O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo, organizadas polo Partido Popular de Lugo, segundo anunciou esta mañá a súa presidenta, Elena Candia. O venres 7 de febreiro, ás 19.30 horas, na sede do PP de Lugo, a conselleira disertará sobre a futura Lei de Impulso Demográfico de Galicia, normativa que está chamada a marcar un antes e un despois na loita contra o despoboamento.

Elena Candia sinalou na presentación das xornadas que a perda de poboación en partes do territorio provincial é unha realidade, un feito que se agrava paulatinamente, con repercusións económicas e sociais; e unha tendencia á que hai que poñer coto e tratar de reverter. “Sobre esta perda de habitantes, con graves consecuencias para a provincia, a sociedade lucense ten manifestada a súa fonda e sincera inquedanza. No Partido Popular estamos seriamente preocupados polo que consideramos un dos principais problemas da nosa provincia e por iso tomamos a iniciativa e queremos buscar solucións. Así xorden estas xornadas que titulamos O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo“, declarou Elena Candia.

O reto demográfico é unha cuestión de Estado, no que teñen que implicarse, dixo a presidenta dos populares lucenses, ademais das Administración xeral do Estado, as administracións locais e autonómicas. A presidenta popular manifestou que esta problemática esixe implicación política e social; “e, como parte de ambos colectivos, os populares de Lugo impulsamos estas xornadas que abordan os aspectos que figuran nas conclusións do informe presentado en abril do 2019 pola Comisión Especial Sobre la Evolución Demográfica en España. Este documento destaca, entre outras cousas, que para afrontar con éxito o reto demográfico resultan esenciais medidas de apoio ás familias, afrontar a realidade do envellecemento e impulsar as infraestruturas e o emprendemento”.

“O obxectivo destas xornadas é o de mobilizar ao conxunto da sociedade da provincia, á que convidamos a asistir a estas interesantes conferencias, así coma o de facer ver posibles solucións e alternativas viables que permitan garantir o futuro do rural lucense. Queremos aportar algo ao intenso debate que se da en España e en Europa na procura de fórmulas para combater o despoboamento. A recente declaración de Gredos, que firmei, pola innovación e o emprendemento para a repoboación do rural, marca un camiño que eu creo que debemos seguir, e creo tamén que debemos facelo co ánimo que nesa declaración se establece, que é , literalmente, el espíritu de consenso que supieron conciliar los padres de nuestra Constitución“.

O ciclo de conferencias desenvolverase ao ritmo dun venres ao mes desde febreiro, a partir das 19.30 horas. As conferencias contarán coa participación de relatores especialista no estudo do problema do despoboamento procedentes do mundo da política ou a Universidade; así como con especialistas en emprendemento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com