Falece o escritor lucense Agustín Fernández Paz

Morre o escritor lucense Agustín Fernández Paz. Segundo fontes da Editorial Xerais, Fernández Paz faleceu na súa casa de Vigo aos 69 anos. A editorial expresou as súas condolencias polo falecemento do literato, un dos máis relevantes da literatura galega e o seu cadro de persoal amosouse “profundamente entristecido” pola perda.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) foi un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no conxunto de España. Foi autor de máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, traducíronse habitualmente ás outras linguas españolas: castelán, catalán e eusquera. Tamén ten diversos títulos traducidos ao portugués, coreano, búlgaro, inglés, chinés, árabe francés e italiano.

Ademais de Perito Industrial Mecánico, Agustín Fernández Paz é Mestre e Licenciado en Ciencias da Educación. Traballou como docente durante máis de trinta anos, nos distintos niveis do ensino primario e secundario. Ademais desta dedicación á docencia, desenvolveu unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a promoción da lectura, a introdución dos medios de comunicación na aula, a didáctica da lingua ou a normalización da lingua galega nos ámbitos escolar e social.

Os seus libros obtiveron numerosos premios, tanto no ámbito galego coma no español (Merlín, Lazarillo, Edebé Xuvenil, O Barco de Vapor, Protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas…).

No ámbito internacional salientan as catro designacións, promovidas pola OEPLI, ao Astrid Lindgren Memorial Award, nos anos 2008, 2009, 2010 e 2013.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com