Feijóo asegura que Galicia seguirá apostando pola economía verde

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe en Lugo que Galicia seguirá apostando pola economía verde para situarse na vangarda do crecemento económico, do benestar e do respecto polo ambiente, recordando que iso é o que a Xunta quere impulsar coas Directrices Enerxéticas de Galicia.

Nesta mesma liña, subliñou que a inauguración do Centro de Innovación Norvento Enerxía (Edificio CIne, no polígono das Gándaras) proba tamén que este obxectivo é posible; que “Galicia ten recursos, sabe innovar no ámbito das renovables e ten capacidade para cumprir as directrices europeas” antes dos prazos marcados.

“Estamos nun edificio de enerxía cero, non só autónomo en canto a autoconsumo, senón que consigue, ademais, que ese consumo sexa o menor posible grazas ao seu deseño arquitectónico, cunha fachada en madeira, grandes ventás, sistemas de recollida de augas pluviais ou ventilación natural”, precisou, subliñando que Norvento deseñou un dos edifico máis avanzados en autoxeración de enerxía. Un edificio, en definitiva, que pon a proba a capacidade das renovables, con toda a tecnoloxía que iso implica.

Ao longo da visita, o responsable do Executivo autonómico, incidiu en que este prototipo proxecta unha mensaxe clara: que o crecemento económico non é incompatible coa xeración de enerxías limpas. “E que estamos ante unha industria que está irrompendo con forza e trae consigo cambios transcendentais, non só para a forma de vivir senón tamén para o sistema produtivo industrial”, abondou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou ademais a aposta de Norvento pola enerxía eólica, coa previsión de instalar un total de 8 parques eólicos, 7 na provincia de Lugo e 1 na de Pontevedra, que equivalen a 128 MW e a un investimento de 155 millóns de euros. Cómpre subliñar que deses 8 parques: 7 foron declarados como proxectos de especial interese, formando parte do total dos 21 declarados como de especial interese, e dos que o 75% van ser instalados na provincia de Lugo, e que traerán a creación de máis de 5500 empregos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo