Feijóo insiste en esperar aos resultados do SERGAS sobre infartos para decidir sobre a Hemodinámica 24 horas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, marcou hoxe como obxectivo que Xunta, concellos e deputacións poidan concretar o vindeiro mes de setembro a participación das distintas administracións no Plan de Loita contra a Desigualdade económica, para poder desenvolver este proxecto coa máxima axilidade e coordinación.

Este foi un dos principais asuntos que abordou coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coa que se reuniu hoxe en Compostela, e á que trasladou toda a información deste proxecto, igual que fixo co resto de rexedores cos que se reuniu ata o de agora, co obxectivo de que as administracións locais tamén participen no seu desenvolvemento.

Pola súa banda,a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esixiu ao Presidente da Xunta que “por riba das cifras”, dote a Lugo de Hemodinámica 24 horas. “É o xusto”, subliñou a rexedora.

Mentres Feijóo insistiu en condicionar a decisión aos resultados do Rexistro Galego de Infarto Agudo de Miocardio que elabora o SERGAS, que, segundo dixo, estará listo a finais de ano, a rexedora lucense apelou á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) avalada por máis de 43.000 sinaturas -o maior apoio na historia do Parlamento- e ao criterio dos profesionais, entre outros, o xefe de Cardioloxía do HULA, para defender a implantación deste servizo en horario continuado.

“Recibir á Acaldesa de Lugo é recibir aos lucenses”, subliñou Méndez, polo que agradeceu ao Presidente galego a entrevista, na que este “escoitou de maneira pormenorizada as demandas e reivindicacións de cuestións pendentes entre Xunta e Concello, que non só son do equipo de goberno, senón dos veciños e veciñas”.

A rexedora avanzou que, dado que “marcamos finais de ano como horizonte para moitos proxectos e medidas”, a principios do 2016 pedirá unha nova reunión con Núñez Feijóo co fin de avaliar “como se van desenvolvendo esas iniciativas e colaboracións, e dentro do bo entendemento entre administracións que debe existir para dar solucións aos problemas e necesidades dos veciños”. Como agasallo institucional, a Alcaldesa entregoulle ao Presidente da Xunta un exemplar de A Divina Comedia, en tradución ao galego realizada polo académico Darío Xohán Cabana.

Sanidade, servizos sociais e educación ocuparon unha gran parte do encontro de case tres horas entre Lara Méndez e Feijóo. A Alcaldesa reclamou a dotación de servizos comprometidos pola Xunta para o barrio da Residencia; demandou prazas públicas en centros da terceira idade, pois non se crea ningunha en Lugo dende o ano 1977, centros de día e de garderías, e o mantemento da escola infantil do Sagrado Corazón.

Feijóo non precisou novos compromisos ao respecto. Limitouse a lembrar que existe un convenio coa Fundación Amancio Ortega para crear en colaboración co Concello unha gardería de 82 prazas, e que a Xunta concertará 500 prazas de gardería o vindeiro curso. Sobre o centro do Sagrado Corazón, indicou que a Xunta “avaliará a situación coa entidade privada” responsable das instalacións.

A Alcaldesa, facéndose eco das reivindicacións da Plataforma en Defensa do IES As Mercedes, pediu que a Xunta reverta a decisión de convertelo só en Centro Integrado de Formación Profesional, algo ao que Feijóo non deu resposta.

No eido das infraestruturas, o Presidente do Goberno autonómico mostrou o “interese” da Xunta por financiar a través dunha colaboración conxunta con Adif e Concello a construción da estación intermodal, “cando se determinen os terreos nos que se pode facer”. Afirmou tamén que no Orzamento do 2016 dotará de partida a construción da Ronda Leste.

Con respecto á rehabilitación do antigo cuartel de San Fernando, o convenio a traveso do que Concello e Xunta financiarán ao 50% os 181.000 euros necesarios para acometer as obras formalizarase nas vindeiras semanas.

A instancias da Alcaldesa, o Presidente da Xunta confirmou que o novo auditorio estará rematado e será entregado ao Concello a finais de ano se as obras avanzan ao ritmo actual; que continuará o plan de rehabilitación de vivendas da Tinería e que os traballos de instalación do ascensor da Muralla, tras ser paralizados para axustar o proxecto, estarán rematados despois do verán. Asemade o Concello enviará a Augas de Galicia os proxectos para a dotación de saneamento das parroquias de Orbazai, Adai, Meilán e Bocamaos, que precisan un investimento de 3,4 millóns de euros.

En materia de turismo, Feijóo propuxo a Méndez traballar conxuntamente e de forma máis intensa, especialmente para sacar o máximo rendemento posible a recente declaración do Camiño do Norte e do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial. Neste senso, informoulle do Plan de medidas aprobado desde a Xunta para adecuar as rutas e mellorar os servizos aos peregrinos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com