Feijóo presenta a Ramón Carballo como candidato á alcaldía de Lugo

“Ramón Carballo non é candidato porque o pedise ou porque manobrase para chegar ou manterse. É candidato porque un partido e, sobre todo, unha cidade llo pediu”, sinalou, esta tarde, o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Lugo.

Neste senso, Feijóo salientou que gobernar co apoio de tres partidos non significa gobernar o triple de ben, senón “multiplicar por tres a parálise, a división e a seca de ideas e de propostas”. Por iso, o PPdeG aposta por Ramón Carballo, un candidato que promete servizo público e acredita un compromiso de esforzo, traballo e humildade: “Desde a humildade de quen fixo e fai o seu traballo, aprendendo dos erros e profundando nos acertos, quen está na política para servir e non para servirse dela, e quen non ten máis ambición que ser útil para a súa cidade. Desde aí será desde onde Ramón Carballo consiga que Lugo volva poñerse en marcha”.

E é que tal e como salientou Feijóo, o candidato non ten máis ambición que Lugo e iso “é o mellor que podemos presentar aos lucenses”. Feijóo, que destacou de Carballo a súa humildade, trasladoulle a súa confianza de cara as próximas eleccións municipais: “Vencerás nas urnas e gobernarás como a ti che gusta ser: exercendo como un veciño máis”.

“Somos moitos no partido que queriamos que fora o candidato, pero tamén son moitos os veciños que queren que sexa o seu alcalde”, indicou Feijóo, quen apuntou que Carballo sempre foi “a primeira opción”: “Este partido e esta cidade –continuou- tiñan máis claro que Ramón Carballo tiña que ser o cartel electoral que o propio Carballo”. Feijóo dixo del que valora e fai valer a importancia do servizo público e do traballo polos demais e que “sempre tivo moi claro que Lugo pode saír das tensións e as divisións que impiden avanzar; que pode saír da inercia; e que pode ter un rumbo e trazar o seu propio camiño”.

O presidente dos populares galegos lamentou a oportunidade perdida que supón para a cidade contar co actual Goberno municipal. Neste senso, destacou que “non existe balance do concello en Lugo”, xa que é un goberno que “está por estar” e do que ninguén sabe o que fixo nin a que se dedicou en todo este tempo. “Non hai un só veciño que sexa capaz de dicir tres cousas que durante estes tres anos fixera o Goberno Municipal na cidade”, dixo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com