Feijóo promete construír unha estación intermodal e desdobrar o corredor a Sarria

O candidato á reelección como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo prometeu, no caso de ser reelexido, construír en Lugo unha estación intermodal, así como o desdobramento do corredor Lugo-Sarria, fixando como treito prioritario Pobra San Xiao-Sarria Norte.

Nun acto electoral en Lugo, Feijóo prometeu ademais dotar de novos usos ás dependencias do vello Hospital Xeral e do Hospital Materno Infantil e avanzou que se poñerá á disposición dos lucenses unha nova residencia de maiores, ademais de que se seguirá co Programa de Apoio á Natalidade cunha nova escola infantil.

O presidente da Xunta destacou “todo o traballo feito polo Goberno galego nos últimos anos”, e salientou unha escolma das propostas que farán que os lucenses teñan máis oportunidades, apostando por facer de Lugo un referente mundial en innovación aeronáutica, con novas infraestruturas e unha mellor mobilidade, cunha mellor educación, con máis servizos sociais e cunha mellora da asistencia sanitaria.

Críticas dos socialistas

Con todo, non tardaron en chegar as críticas por parte do PSdeG. “Feijóo e a leña verde, todo é fume”. Así de contundente foi a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ante os anuncios realizados esta mañá polo propio Feijóo. “Como en cada campaña electoral, Feijóo véndenos fume aos lucenses, e por riba é consciente delo”, pois leva 7 anos como presidente da Xunta de Galicia, a que máis recortou en materia social, educativa e sanitaria.

Nesta liña, a rexedora asegurou que Feijóo parece que non ten memoria, “pero os lucenses si que a temos e sabemos o que valen as súas promesas. Aquelas promesas de dotar ao HULA de Hemodinámica 24 horas, de traer o Ave, de gardar unha partida nestes orzamentos para a Intermodal, de dotar o Vello Xeral e de saneamento ás parroquias do rural, ou da Ronda Leste. Todas esas promesas incumpridas ano tras ano e anunciadas cada vez que se convocan eleccións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com