Fernán Vello presenta en Lugo as iniciativas rexistradas por En Marea no Congreso

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, visitou hoxe a cidade para presentar, acompañado da voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, varias iniciativas que o seu partido rexistrou no Congreso nos últimos días e algunhas das respostas que xa recibiu desde os distintos ministerios.

Entre as iniciativas presentadas destacan varias que teñen que ver coas medidas para paliar as consecuencias dos lumes, a mellora urxente na N-634 ou a necesidade de mellora da conservación do monumento de Santa Eulalia de Bóveda.

Fernán Vello relatou como a Xunta de Galicia instou ao Goberno Central a tomar medidas ante a “situación excepcional” causada pola vaga de lumes e a declarar “zona catastrófica” ao concello de Cervantes, ademáis de outras peticións como a creación dun paquete de axudas para a recuperación da zona e dos veciños da zona. Tras a negativa da Cámara a sacar adiante estas peticións, o deputado de En Marea asegura que, “unha vez máis asistimos a palabras, unha formalidade verbal sen concreción”.

Os de En Marea enviaron ao Congreso unha batería de preguntas en torno a esta vaga de lumes que asolou a montaña lucense nos pasados días. Así Fernán Vello explicou que o seu partido cuestionou os medios que o Goberno puxo tanto para a prevención como a extinción dos incendios e preguntou se existe algún plan de coordinación coa Xunta para a loita en contra dos lumes. Para o deputado, as denuncias de moitos dos profesionais que estuveron alí “só proban o caos e a descoordinación, e que os medios chegaron tarde, mal e arrastro”.

En Marea solicita ao Goberno que colabore coa Xunta na recuperación do parque natural dos Ancares e que se artellen axudas á recuperación de zonas de valor, que deben ser obxecto de “axuda inmediata”.

Noutro senso, Fernán Vello centrouse nunha petición veciñal, moi demandada na zona norte da provincia, como é a mellora da estrada N-634, ao seu paso pola Mariña dado que é a estrada pola que se desvía o tráfico da A-8 cando esta está pechada por mor da néboa no alto do Fiouco. En Marea, en vista do deficiente estado desta estrada e dado que a solución técnica para a A-8 “non conta con prazos temporais de execución”, “ empraza a Fomento a proceder á mellora da N-634”, insistiu o parlamentario.

 

O deputado tamén mostrou a resposta do Goberno e as iniciativas rexistras pola necesidade de mellora da conservación do monumento de Santa Eulalia de Bóveda, “unha xoia de altísimo valor con características que a fan única en todo o mundo”.

“Ante a súa degradación e o deterioro das pinturas, preguntamos ao Goberno se recibira peticións por parte de Xunta ou Concello de Lugo para recibir financiación estatal para o seu mantemento. O Goberno respondeu que non se recibiu ningunha petición para levar a cabo algún tipo de programa de conservación. Queda demostrado o desprezo das insituacións sobre o patrimonio histórico artístico.”, denunciou o deputado.

Ante esta situación, En Marea insta ao concello e á Xunta a solicitar no 2018 “axudas do 1,5% Cultural para o mantemento de Santa Eulalia de Bóveda”. A concelleira Cristina Pérez asegurou que levarán esta cuestión ao pleno do concello para esixir que se pidan esas axudas e preguntar “pola falta de vontade política en anos anteriores para non solicitar esta conservación do patrimonio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com