Fernando Pardo Gómez

Por saber dos lucenses, sigo atento os obituarios para notar como van desaparecendo persoas importantes que foron parte moi activa da nosa sociedade, e das que a idade nos foi privando pouco a pouco ata o momento da súa desaparición física.

O último dos grandes de Lugo que desapareceu hai unhas semanas foi un gran médico chamado Fernando Pardo Gómez, que tivo consulta frente ao que foi Goberno Civil de Lugo, que nos deixou con 96 anos de idade, pero que aos 90 seguía consultando porque –tenme comentado- os pacientes de toda a vida querían que o seu médico de sempre os atenderá… e xa que os pacientes amigos facían cen kilómetros para acudir á súa consulta, estimaba que tiña que estar en pé de guerra sanitaria para non defraudar a sua confianza e a súa amizade.

Pai de familia numerosa, especialista en dixestivo e endocrinoloxía, vivía intensamente a súa vocación, que o levou a ser Presidente do Colexio Médico lucense, amigo de Manuel Fraga –naceran os dous en 1922-, foi político por querencia cidadá e tamen por amizade sendo elixido Senador por Alianza Popular… tiña amor polo mar, pola medicina, pola cultura, pola escrita… e para cumplir con estes catro amores escribiu fondos e entusiastas libros, que podían ser da historia da medicina na provincia de Lugo, ou o mar lucense de San Cibrao, onde o seu amor polo mar se focalizaba de xeito específico.

Tiven longa relación con este médico escritor lucense desde os anos setenta cando empecei a presentar conferenciantes no Círculo das Artes, e a primeira vez que me escoitou veu preguntarme quen era eu… e nas seguintes viña sempre para alegrar o meu ego e demostrarme a súa xenerosidade co que entón empezaba a adentrarme no mundo de dar a cara diante do público.

Anos despois pediume que presentase algunha das súas obras, que se en Lugo tiveron éxito rotundo, en San Cibrao foi adoración o que detectei naqueles devotos de Don Fernando, que se o costume nos pobos é nomear fillos predilectos ou adoptivos entre as xentes merecentes de honra, sei certo que todos os seus veciños costeiros tíñano nomeado pai adoptivo polo agarimo, pola ciencia, pola atención, por todo.

Fóisenos Fernándo Pardo Gómez. Pero non de todo, porque a súa amizade segue a agarimarnos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com