" />

Finalizado o acondicionamento do Castro de Castromaior en Portomarín

A Xunta de Galicia vén de rematar os traballos de acondicionamento do poboado fortificado da Idade de Ferro de Castromaior, en Portomarín, que consistiron na súa limpeza e consolidación. Para dar a coñecer o resultado hoxe organízase unha xornada de portas abertas, na que participa o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado polo alcalde de Portomarín, Juan Serrano. Dita visita parte do propio asentamento situado na parroquia de Santamaría de Castromaior, e conta con varios arqueólogos que formaron parte da campaña.

O castro está datado entre os séculos V a.C e I d.C., e destaca pola súa gran extensión -ao ocupar máis de cinco hectáreas ao carón do Camiño Francés- e pola súa complexidade estrutural, con presenza de ata seis recintos delimitados por murallas e fosos, ademais de varios socalcos exteriores asociados, que dotan a todo o conxunto dunha gran monumentalidade.

Javier Arias lembrou que despois de escavar parcialmente o xacemento entre os anos 2006 e 2009, deixando á vista unha serie de edificacións e parte da súa muralla, a Xunta emprendeu novos traballos de limpeza e consolidación do asentamento baixo control arqueolóxico entre os anos 2020 e 2021, que veñen de rematar. Como resultado, o castro ten unha mellor estabilización e conservación e favorécese tamén a súa visita cultural.

Consolidación de muros e rúas

O delegado territorial destacou en concreto que durante estes dous últimos anos realizáronse traballos de documentación e diagnose que permitiron a roza e limpeza manual da zona escavada e de toda a croa do castro de Castromaior para conseguir unha boa visión de toda a zona arqueolóxica.

Tamén se realizaron traballos de conservación e consolidación das estruturas arqueolóxicas como muros, pavimentos, fogares ou rúas, así como na muralla e na entrada principal, nunha superficie total de 800 metros cadrados.

Este tipo de intervencións enmárcanse na aposta da Xunta coa recuperación dos bens patrimoniais máis senlleiras de Galicia. Cómpre salientar, neste sentido, que este ano se incrementa o esforzo inversor do Goberno autonómico no ámbito da conservación do patrimonio cun 19% máis de investimento específico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo